Ernesto Ilkermn •  Internacional •  04/01/2017

Presentan en Vigo «A Ruta dos Refuxiados»

Un libro de fotografías en branco e negro que documenta a ruta que seguen os refuxiados para entrar en Europa, desde Lesbos até Calais, traballo documentado por Adrián Irago, Juan Teixeira, Felipe Carnotto Díaz, Unai Beroiz e Cristian López Iglesias.

Presentan en Vigo «A Ruta dos Refuxiados»
O pasado martes 3 de xaneiro, tivo lugar no Café UF o acto de presentación de «A Ruta dos Refuxiados». Un libro de fotografías en branco e negro que documenta a ruta que seguen os refuxiados para entrar en Europa, desde Lesbos até Calais, traballo documentado por Adrián Irago, Juan Teixeira, Felipe Carnotto Díaz, Unai Beroiz e Cristian López Iglesias. Presentados pola xente da editorial Catro Ventos, no acto estiveron varios deles, que tomaron a palabra para contar de viva voz o que as súas crónicas ou as súas fotos -algunhas proxectadas de fondo- viviron en primeira persoa ao longo desa ruta que ten punto de partida e debería ter un de chegada, pero que moitas veces queda truncada polo camiño, ou se queda nun camiño sen fin.
 
Finalmente tomou a palabra o voluntario Iago Araujo, que estivo no campo de Oinofyta (Information Point for Oinofyta Volunteers), xestionado por DO YOUR PART, a ONG á que vai dirixida 1 € de cada exemplar vendido da obra dos xornalistas e fotoperiodistas. Na súa intervención relatou a importancia do voluntariado e tamén o duro que é, á volta, ver como alá quedan tantas persoas, refuxiadas, simplemente porque non teñen un pasaporte que lles permita a entrada nos países de destino.
 
Como recordaron todos eles, a crise humanitaria á que Europa lle deu a espalda, vendendo a Turquía ás persoas, como se foran mercadoría, igual que fan os traficantes que as estafan de cotío, non rematou. É xente que fuxe da guerra, xente coma nós, e do mesmo xeito que aquí, durante a Guerra Civil moita xente tivo que emigrar, eles acabarán chegando a ese destino que case sempre os países da UE lles negan.
 
Emigran por necesidade, por seguir con vida. Sirios, afganos, e moitas nacionalidades do Oriente Medio e da África subsahariana, buscan simplemente o que é un dereito que non se está a cumplir: o asilo. Cando este dereito non se otorga, acaban en campos de refuxiados temporais, moitas veces sen as mínimas condicións hixiénicas, case sempre en países de tránsito, pero tamén no corazón de Europa, como pasou en Calais (Francia), de onde foron botados de forma brutal, non se sabe moi ben a onde. Eses campos de refuxiados, que deberían ser efectivamente temporáis, nalgúns casos, sobre todo en África, acaban por convertirse en prácticamente definitivos, facendo que haxa persoas que nacen e viven neles décadas, sen posibilidade de desenvolver unha vida.
 
 
O acto superou con creces as expectativas, chegando a superarse o aforo, polo que esperemos que ese libro que é un documento vivo dun sistema morto, que falla, teña difusión, porque ademáis, é solidario. Como case sempre o é a laboura de quenes van alí, sexa como voluntarios, xornalistas ou fotoperiodistas. Pois non van a «facer a foto» por cartos -que case sempre perden- senón a dar voz a quen non a ten, e moitas veces contra o vento e a marea duns mass media que contan o que lles parece, que non sempre se corresponde coa realidade. Sirva como exemplo a vestimenta: a tendencia a sacar ás refuxiadas con velo non se corresponde ca realidade dunhas mulleres que nalgunha foto parecen sacadas dunha instantánea dun Vitrasa.
 
«A Ruta dos Refuxiados» pódese mercar on-line.
 

 


asilo /  refugiados /  Siria /