Redacción •  Galicia •  31/10/2025

A Área Pública da CIG considera unha promesa baleira o anuncio do Goberno de negociar un acordo salarial

Chama á mobilización para acadar incrementos dignos que permitan reverter a perda de poder aquisitivo.

A Área Pública da CIG considera unha promesa baleira o anuncio do Goberno de negociar un acordo salarial

A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Saúde e CIG-Ensino) entende que non hai nada que celebrar na ‘intención’ do Goberno español de sentar negociar un novo acordo retributivo para o persoal empregado público. Critica que as direccións de CCOO, UGT e CSIF se apresuren a vender como un éxito sindical este anuncio, “cando se trata dunha promesa baleira, que pretende desactivar o crecente malestar do persoal” e que ademais, nin sequera se formula no ámbito da mesa xeral de negociación.

Unha vez máis, advirten, “preténdese negociar só cunha parte das organizacións sindicais con dereito a representación, fóra dos marcos institucionais que corresponden, e sacar un acordo pola porta de atrás que, moito nos tememos, seguirá afondando no deterioro salarial” .

Neste contexto, a Área Pública da CIG avanza a convocatoria de mobilizacións para que tanto os orzamentos xerais do Estado como os orzamentos da Xunta de Galiza contemplen incrementos retributivos que revertan a continua perda de poder adquisitivo que ano tras ano sofre o persoal empregado público.

Anos de incumprimentos

Lembran que o Goberno español leva anos incumprindo os compromisos asinados, mantendo conxelados os orzamentos, atrasando procesos selectivos e perpetuando a precariedade e a paralización nas administracións. Denuncian que o chamado «diálogo social» se converteu “nun teatro de xestos e titulares, nos que unhas persoas finxen negociar e outras fan de comparsa”.

A CIG tempo advertindo da perda brutal de poder adquisitivo, iniciada co recorte directo do 5% das pagas extraordinarias (que nunca se recuperaron na súa totalidade) e agravada pola firma de acordos por debaixo do IPC e a renuncia dos grandes sindicatos estatais a defender en serio os intereses da clase traballadora.

“Fronte ao conformismo e a submisión, dende a CIG  apostamos pola mobilización constante, tanto nas rúas como nos centros de traballo, reclamando salarios dignos, estabilidade e respecto ao público”, aseveran.

Cláusula de garantía e incremento do 5%

Neste camiño, a Área Pública da CIG iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para avalar a Proposición Non de Lei (PNL) rexistrada no Parlamento galego, coa que se demanda unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC para todo o persoal empregado público. “Non se trata de caridade nin de peticións «razonábeis», senón de xustiza social e de recuperación do que nos roubaron durante anos de recortes e inflación”.

Ademais, a CIG reclama un incremento salarial do 5% para este ano no conxunto do sector público como paso imprescindíbel para comezar a compensar as perdas acumuladas, que dende 2010 xa suman preto dun 20% da capacidade adquisitiva.

“Desde a CIG insistimos na necesidade de  mobilización e de presión social porque entendemos que o futuro das condicións de traballo na administración non se defende só nas mesas de Madrid, senón tamén nas rúas e na acción colectiva. O que nos xogamos non é unha porcentaxe de suba salarial, senón a dignidade de quen sostén día a día o servizo público e o dereito da cidadanía a unha administración ao servizo do pobo”, conclúen.


BNG /