Redacción •  Galicia •  31/08/2025

A loita contra o convenio de empresa de DIGI que recorta dereitos trasládase a Santiago

  • Persoal da operadora de telecomunicacións mobilizouse onte pola tarde diante da tenda da rúa República do Salvador.
A loita contra o convenio de empresa de DIGI que recorta dereitos trasládase a Santiago

O cadro de persoal de DIGI trasladou onte a Santiago as protestas para rexeitar o I Convenio Colectivo de empresa asinado en Madrid por CCOO e UGT o pasado mes de xullo sen contar coa opinión nin coa participación das persoas traballadoras afectadas no conxunto do Estado, e moi especialmente na Coruña, tal e como denuncian dende o comité, con representación maioritaria da CIG. A concentración que tivo lugar diante da tenda da rúa República do Salvador de 19:00 a 20:30 horas fai parte dun calendario de mobilizacións que continuará o martes 2 de setembro e o xoves 4 na Coruña.

Dende a central sindical denuncian que o texto asinado supón un grave retroceso nos dereitos laborais, recortando condicións salariais, compensacións por desprazamentos e dereitos en materia de vacacións. A situación é tan grave que incluso dentro da propia CCOO se teñen escoitado críticas contra este acordo.

En Galiza, e nomeadamente na Coruña, traballan máis de 200 persoas para DIGI, mentres que a nivel estatal a cifra elévase até as 8.000. Ante esta agresión, o comité da Coruña xa puxo o convenio en mans dos servizos xurídicos da CIG, que están a preparar a súa impugnación legal para tombalo nos tribunais.

Dende a CIG lembran que a negociación colectiva non pode facerse de costas ao persoal nin servir de ferramenta para recortar dereitos. “DIGI e os sindicatos asinantes son responsábeis dunha agresión laboral que terá resposta nas rúas e tamén nos xulgados, da man dos nosos servizos xurídicos”, advirten.


Sindicalismo /