Redacción •  Galicia •  30/10/2020

Convocan unha marcha polo dereito á paisaxe e contra a instalación do parque eólico Salgueiras

A Rede Galega por un Rural Vivo fai un chamamento á cidadanía para o próximo 14 de novembro, en conmemoración do Día Mundial do Patrimonio e contra o último proxecto promovido por Norvento S.L. na Costa da Morte coruñesa pese á oposición ecoloxista e veciñal.

Convocan unha marcha polo dereito á paisaxe e contra a instalación do parque eólico Salgueiras

A marcha, convocada para as 10:00 horas no estacionamento da Fundación Eduardo Pondal no lugar de O Couto (Ponteceso), está convocada en protesta contra o parque eólico, que ameaza paraxes de alto valor natural e paisaxístico coma o Monte Branco, a Praia de Balarés, os Cantís do Canteiro e as Brañas de Gondomil.

En días pasados, sobre este punto alertaron tanto asociacións ambientais da comarca de Bergantiños, como Ecoloxistas en Acción e a propia Rede Galega por un Rural Vivo, instando á Xunta de Galicia e ao Concello de Ponteceso a rexeitar a iniciativa industrial polo dano ambiental causado, que calificaron de «irreparable». Ademáis, criticaron a actitude da Fundación Eduardo Pondal, estreitamente vinculada ao PP e «impasible» ante á agresión ás paisaxes louvadas polo poeta e autor do himno galego coa que a veciñanza «garda fortes vínculos emocionais».

Segundo alertan os colectivos, desde a parte máis ao norte da poligonal do parque eólico ata o sur da mesma, o proxecto linda cos límites definidos para o LIC da Costa da Morte. Nesta área desemboca ademais o río Anllóns, tamén clasificado como LIC e a menos de dous quilómetros está o parque eólico de Corme G-3, xa en funcionamento.

Ademáis, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental recoñeceu expresamente no texto da Declaración de Impacto ambiental a proximidade do proxecto á zona especial de conservación (ZEC) Costa da Morte (espazo que con distintas delimitacións posúe tamén as categorías de zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e zona de especial protección para as aves (ZEPA).

A realidade é que as infraestruturas do parque eólico están incluídas no ámbito de aplicación da normativa do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia (POL), nas unidades de paisaxe Monte Branco (05.02.182), Praia de Balarés (05.02.181), Brañas de Gondomil (05.02.179), Esteiro do Anllóns (05.02.183) e Cantís do Canteiro (05.02.180). Parte das infraestruturas inciden sobre un espazo de interés, espazo de interese paisaxístico (Cantís do Canteiro) e espazo de protección de ladeira. Doutra banda, o Esteiro do Anllóns está recoñecido como Monumento Natural dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos e as Brañas de Gondomil figuran no Inventario de Humidais de Galicia.

En referencia ao proxecto xa alertaron pola súa incidencia negativa para a bisbarra tanto a Secretaría Xeral para o Turismo coma o Instituto de Estudos do Territorio (IET), concluíndo que o impacto sobre os núcleos litorais de O Porto de Corme, Ponteceso, Laxe, O Couto e Tabuído, e tamén sobre as praias de Balarés e Ermida e os miradoiros de Galiñeiro e Monte Branco será notable ante imposibilidade de establecer medidas correctoras de apantallamento para miticar o impacto visual, deixando patente a manifesta incompatibilidade do proxecto cos valores naturais e paisaxísticos a protexer.

Para as entidades coloxistas, asemade, o proxecto debería incorporar de maneira obligatoria unha avaliación das repercusións sobre a Rede Natura 2000, tal e como esixe o articulado da Directiva europea 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres.


Costa da Morte /  Fundación Eduardo Pondal /  Norvento /  parque eólico Salgueiras /  Ponteceso /  Rede Natura 2000 /