Redacción •  Galicia •  30/09/2022

O comité de Vitrasa proporá retomar as protestas para forzar a empresa a negociar un novo convenio

A CIG denuncia que a dirección négase a actualizar as condicións laborais a pesar de que o número de viaxeiros/as segue a medrar.

O comité de Vitrasa proporá retomar as protestas para forzar a empresa a negociar un novo convenio

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano de Concello de Vigo, proporalle aos traballadores/as retomar as mobilizacións co obxectivo de forzar a empresa a negociar un novo convenio colectivo, xa que o actual leva caducado dende finais de 2020. Dende a sección sindical da CIG denuncian que a dirección négase a actualizar as condicións laborais a pesar de que o número de viaxeiros/as segue a medrar, situándose xa en cifras anteriores á pandemia.

Segundo explican dende a CIG-Vitrasa, a representación sindical celebrará asembleas de mañá e tarde cos empregados/as o vindeiro 5 de outubro para analizar a situación e propoñer a convocatoria de protestas, decisión que o cadro de persoal adoptará ao día seguinte, 6 de outubro, mediante votación en furna no local do comité durante toda a xornada. 

Tal e como denuncian, o inicio do novo curso escolar, os actuais prezos dos carburantes e a rebaixa no prezo do billete a primeiros de setembro provocou un aumento no número de viaxeiros/as que transporta Vitrasa a diario, chegando a igualar ou mesmo a superar as cifras anteriores á pandemia, segundo cálculos da sección sindical. “A pesar deste incremento a empresa segue enrocada en non negociar un novo convenio e mesmo insiste en rebaixar os salarios dos seus traballadores/as, esta vez vía xudicial ao recorrer o laudo arbitral que lle impediu reducilos no mes de xullo”.

Ao mesmo tempo, lembran que Vitrasa reduciu custes nestes últimos anos eliminando servizos e incluso algunha liña, “o que amosa a falta de espírito de servizo público e deixa claro que a súa única intención é a rendibilidade económica, sen importarlle sacrificar a calidade do servizo ofrecido e precarizando as condicións laborais do seu persoal”.

Principais reivindicacións

As principais reivindicacións do comité de empresa de cara á negociación do convenio son actualizar as táboas salariais, regular os descansos na xornada, acurtar a xornada máxima diaria (que pode chegar a ser de até 10 horas), frear o abuso das horas extra (50.000 ao ano) e lograr a estabilización do persoal (eventualidade).

Finalmente, fan fincapé no feito de que a frota de vehículos da empresa está notablemente envellecida, con autobuses circulando que chegan a superar os 15 anos de antigüidade a pesar de ter pactado na prórroga asinada en plena pandemia o compromiso de renovación de 31 vehículos no ano 2021, 20 en 2022 e 72 en 2024. “Mais a día de hoxe non se realizou a entrega de ningún deles, o que incumpre o contrato de prórroga sen que o Concello tome medidas ao respecto”.


CIG /