Redacción •  Galicia •  30/01/2026

O sindicalismo nacionalista solicitará SMI propios de cada territorio que melloren o español

  • CIG, ELA, LAB, Intersindical Valenciana, Intersindical Catalá, IAC e STEI solicitarán reunións aos partidos políticos no Congreso e á Ministra de Traballo para modificar o art. 27 do ET.
O sindicalismo nacionalista solicitará SMI propios de cada territorio que melloren o español

Os sindicatos CIG, ELA, LAB, Intersindical Valenciana, Intersindical Catalá, IAC e STEI presentarán unha iniciativa en favor do establecemento de salarios mínimos interprofesionais propios de cada territorio que permitan mellorar o SMI español (que se mantería como mínimo ou chan para todo o Estado). Tal e como manifestaron nunha comparecencia conxunta, “cada ano que pasa é máis evidente a insuficiencia das contías nas que se fixa o Salario Mínimo Interprofesional para afrontar xustamente o alto custo da vida”.

As centrais sindicais solicitarán dos diferentes partidos políticos con representación no Congreso (a excepción do PP e Vox) e á Vicepresidenta segunda e Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que poñan en marcha iniciativas lexislativas para modificar o artigo 27 do Estatuto das persoas traballadoras. Os sindicatos propoñentes entregarán unha proposta concreta de articulado. Ademais, a devandita proposta realízase nun contexto no que se ten que debater sobre a modificación do citado artigo como consecuencia da directiva (UE) 2022/2041. 

A CIG leva anos reivindicándolle ao Estado español que cumpra co establecido na Carta Social Europea, que recomenda que o SMI debe ser, cando menos, o 60% do salario medio. No ano 2024, segundo os datos que proporciona a Axencia Tributaria, o salario medio no Estado foi de 32.078 euros/ano, polo que a central galega demanda subir a contía do Salario Mínimo Interprofesional até os 1.375 euros mensuais (19.247 € brutos anuais) para este 2026.

O secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que o incumprimento reiterado das recomendacións da CSE levaron a CIG a presentar unha reclamación colectiva contra o Estado español, que está pendente de resolver por parte do Comité Europeo de Dereitos Sociais. Carril tamén criticou que, un ano máis, o Goberno español incumpre a súa obriga de consulta ás centrais sindicais que teñen a condición de máis representativas, como a CIG, á hora de negociar e pactar a contía do SMI.

A este respecto, denunciou o uso permanente do diálogo social e afeou ao Ministerio de Traballo “estar máis preocupado por buscar a patronal” para chegar a un acordo que por cumprir coa CSE ou atender a iniciativa dos sindicatos nacionalistas, da que xa é coñecedora. Carril subliñou que o importe que propón o Goberno español para este 2026, situado nos 1.221 euros “segue estando por debaixo das recomendacións da Carta Social” e cualificou a súa contía de “inxusta” para o conxunto das persoas traballadoras.

O secretario xeral da CIG valorou que con esta iniciativa “buscamos un cambio radical nas políticas públicas do Estado español que supere o modelo neoliberal e a obsesión do chamado mercado único español, que uniformiza as desigualdades económicas e sociais para todos os territorios”.

Ferramenta fundamental para facer fronte á pobreza

O salario mínimo é unha ferramenta fundamental en favor da cohesión social e para facer fronte á pobreza. Con todo, o Estado español impón un SMI único que non se adapta ás necesidades nin á vontade das nacións vasca, galega e catalá.

É máis, a regulación laboral española provoca un crecente empobrecemento de grandes capas de persoas asalariadas, porque “a existencia dunha regulación estatal única, centralista e negadora da realidade plurinacional do Estado, xunto coa imposición das sucesivas reformas laborais, a aprobada en 2012, que se mantén en vigor, polo Goberno do PP, a aprobada polo Goberno actual a finais de 2021, conforma unha lexislación laboral que normaliza a precariedade laboral e os baixos salarios a través da imposición do traballo a tempo parcial e dos contratos fixos descontinuos”.

O SMI español non se adapta ás realidades nacionais nin aos indicadores socioeconómicos que xeren xustiza social e, ademais, os mecanismos de absorción que permite a lei diminúen substancialmente o efecto de hipotéticas subas e evita a súa aplicación sobre miles de persoas traballadoras.

Esta proposta, ademais, é inseparábel da reclamación da derrogación do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), e da utilización do salario mínimo interprofesional como única referencia de indicador público para efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública.

O acordo sindical é reflexo dun sindicalismo combativo que fai fronte “á posta en escena do chamado diálogo social, que, con acordo ou sen acordo, vai sumando máis incapacidade para corrixir as desigualdades sociais crecentes”.  Os sindicatos asinantes do manifesto agardan que a colaboración dos sindicatos das nacións sen Estado leve un cambio político que traia xustiza social aos diferentes pobos do Estado español.


Salario Mínimo Interprofesional (SMI) /