O IV Congreso da CIG-Industria elixe a Marcos Conde Farto como novo secretario nacional
- No proceso tamén se renovou a Executiva federal e se aprobaron os relatorios Base e de Organización.

O IV Congreso da CIG-Industria, celebrado baixo o lema “Somos industria. En Galiza: traballo, igualdade, dereitos e soberanía”, elixiu a Marcos Conde Farto como secretario nacional con 110 votos a favor, 1 nulos e 8 en branco.
Deste xeito, Conde substitúe a Xoán Xosé Bouzas Aboi ‘Tupi’, que viña ocupando esta responsabilidade dende hai 12 anos.
No decurso da xornada, transcorrida en Compostela, as delegadas e delegados asistentes fixeron unha análise do traballo desenvolvido no período que agora remata e debateron e acordaron as liñas que servirán de guía para a organización e a acción sindical nos próximos anos, nos que o sector afronta enormes retos e ameazas.
O Congreso, que se celebrou no edificio CERSIA de Santiago de Compostela, arrincou cun saúdo do secretario comarcal da CIG-Industria de Compostela, Benedito Blanco, e a proxección dun audiovisual no que se repasou a acción sindical desenvolvida desde o anterior proceso congresual.
O Informe de Xestión repasa a situación do sector e as repostas da CIG
O informe de Xestión da Executiva saínte, aprobado por 107 votos a favor, 0 en contra e 7 abstencións, foi defendido polo aínda secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas Aboi ‘Tupi’, quen destacou a basta e diversa conflitividade vivida neste último período no que a CIG non só consolidou a súa posición como primeira forza sindical na industria, senón que incrementou a súa representatividade.
A través desta conflitividade -salientou Tupi que se realizaron máis de 1.200 protestas, mobilizacións e concentracións e máis de 200 xornadas de folga entre sectoriais de empresa e centros de traballo-, a CIG respondeu ás problemáticas tanto na negociación colectiva para reivindicar convenios dignos, como na defensa dos sectores produtivos e do emprego, combater a precariedade, denunciar e atallar as desigualdades, enfrontar a represión sindical e os abusos, mais tamén trasladando propostas concretas ante os múltiples desafíos do sector.
O informe pon especial atención na situación de crise industrial que vive Galiza, nas demandas e alternativas da CIG en sectores estratéxicos para a economía galega como a automoción ou o naval (tanto o público concentrado na ría de Ferrol arredor de Navantia como o privado nas rías de Vigo e Pontevedra); no sector da industria electrointensiva, no eólico, no dos biocarburantes ou no sector das telecomunicacións, así como nas consecuencias do proceso de transición enerxética que non é xusto nin social nin territorialmente.
Nun momento de espolio e expansión das instalacións renovábeis, non existen proxectos alternativos reais para os territorios afectados polos peches das centrais como Meirama e As Pontes, convertida esta en zona cero da crise industrial do país. Pero tampouco se xera actividade produtiva e emprego de calidade arredor deste sector. Ao contrario, neste período pecharon a maioría das fábricas dedicadas á construción e á produción de equipamento para a eólica, ao tempo que as empresas electrointensivas anuncian recortes de produción e ameazan con peches polos elevados custes enerxéticos.
Nestes catro anos houbo unha aposta forte pola negociación colectiva, onde por primeira vez a CIG asinou os catro convenios provinciais do metal e “fomos quen de impoñer o noso modelo de negociación e o resultado foi que houbo mobilizacións e folga nos catro convenios conseguindo rachar co V AENC”. Denunciou ademais tanto o convenio estatal de artes gráficas como o estatal da industria química “porque non só non avanzan dereitos senón que nin sequera contemplan revisións salariais”.
No apartado de eleccións sindicais, ponse en valor o resultado acadado pola CIG-Industria no período pechado 2020-2023, no que se conseguiron 1.199 persoas delegadas das 3.222 que se elixían, o que supón o 37,215 da representatividade e o 3,06% de incremento con respecto ao proceso anterior. A finais do primeiro trimestre de 2025, a representatividade seguía aumentando até o 37,26%. A CIG segue sendo, polo tanto, primeira forza sindical no sector industrial de Galiza.
Aprobados os relatorios Base e de Organización
O Relatorio Base, que foi aprobado por 108 votos a favor, 1 en contra e 6 abstencións, fai un repaso polo contexto político económico da industria en Galiza e define as alternativas da CIG e a acción a desenvolver nos próximos anos para reverter a perda do peso no PIB da industria galega, catro puntos por debaixo da media estatal, e a consecuente destrución de emprego, caída dos salarios e aumento da precariedade neste sector.
Fronte a esta realidade, o relatorio pula pola por una política industrial non depredadora, favorábel ás maiorías sociais, e neste senso defende que a Xunta de Galiza dispoña de plenas competencias nesta materia. Demanda a posta en marcha dun plan de reindustrialización no que a xeración eléctrica teña repercusión alí onde se produce e un plan de desenvolvemento que contemple o peche dos ciclos produtivos en Galiza e no que o sector público xogue un destacado papel, así como a creación dunha tarifa eléctrica galega.
A CIG reclama unha estratexia para recuperar o peso clave na economía do sector naval e do sector da automoción, en proceso de reconversión. Hai que lembrar que a falta de resposta das administracións e das empresas ás propostas trasladadas pola central sindical, levou a CIG a convocar o 28 de novembro de 2024 a primeira folga galega no sector da automoción.
O relatorio marca como obxectivos, entre outras cuestións, o confronto da estatalización da negociación colectiva, apostando por un marco galego de relacións laborais e seguir a pular por un convenio galego do sector do metal; a loita contra os abusos e a precariedade na integración das persoas con capacidades distintas; ou combater a fenda salarial de xénero e as desigualdades que persisten nos centros de traballo.
No relatorio de Organización, aprobado por 105 votos a favor, 0 en contra e 7 abstencións, chámase a reforzar a presenza da CIG nos centros de traballo, ter máis capacidade de liderar as loitas e levar adiante o conflito, sendo capaces de formular alternativas e solucións. “Esa é a folla de ruta, indícase, para facer medar a nosa organización sindical, a afiliación e a representación. Con debate, toma de decisións colectivas, confrontación de propostas e mobilización, e facendo partícipes ás persoas afiliadas”.
Instase a promover a constitución de seccións sindicais como vía para facer chegar as alternativas e campañas, para mellor coñecer as problemáticas dos centros de traballo e poder darlles unha resposta organizada, fomentando o modelo sindical asembleario e participativo propio da CIG.
Participación do secretario xeral e delegacións convidadas
O acto de clausura, tras da votación dos informes e das candidaturas, contou coa participación do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e coa intervención de todas as delegacións internacionais convidadas. Ao Congreso asistiron Eremi Fatima Melo Da Silva, secretaria xeral da Unión Internacional Sindical da Metalurxia e a Minaría da Federación Sindical Mundial (UISMM FSM); Irati Bañuelos Ruiz de Erentxun e Esther Arruti Roteta, de ELA; Joao Cunha e Carlos Cruz de FIEQUIMETAL; Kristina Gete Etxeberria e Iratxe Azkue de LAB; María Casadellà Oller e Jordi Mir Buxalleu de Intersindical Catalana; Elena Castro Hortelano e Javier Pérez Ortiz de Intersindical Valenciana; Asier Calderón pola UISMM Europa FSM; e Cristina Escalada Pérez e Jorge Ruiz De Lazcano Fernández de OSTA.
Durante a súa intervención, o secretario xeral da CIG prognosticou catro anos de duras loitas diante dos múltiples desafíos, “que temos que afrontar coa credibilidade do acumulado durante anos na construción do sindicato que hoxe é a CIG”. Subliñou que sermos primeira central sindical en número de persoas delegadas e afiliadas “é o resultado dun proceso histórico que comezou hai 50 anos” sobre a base das loitas do ano 1972 en Ferrol e Vigo “e a semente de vencer do asasinato de Moncho Reboiras”.
Cualificou os procesos congresuais como a posta a punto para afianzar a capacidade, como sindicato, de organizar e promover o conflito “se queremos avanzar en dereitos; mais sen perder de vista que a CIG é resultado dunha planificación colectiva que procura a maior complicidade social, combinando a formulación de respostas coa capacidade de organizar a loita para facelas posíbeis”.
Carril reiterou que a loita sindical ten un carácter social e político “porque o noso obxectivo como clase traballadora é estender a solidariedade e o apoio social ás nosas reivindicacións para mellorar as condicións de vida”.
Chamou a acumular forzas e construír poder popular para confrontar o sistema “porque a CIG é un sindicato que está implicado na transformación social de Galiza, que asume e fai propios os obxectivos colectivos da clase traballadora galega. Como nación oprimida, a loita pola emancipación social está ligada á loita pola emancipación nacional”, aseverou.
Por iso, continuou o secretario xeral, toda loita que se afronta no ámbito sindical constitúe a oportunidade para esa toma de conciencia e para avanzar máis aló dunha reivindicación do ámbito laboral concreta. E para afianzar este camiño, “cómpre fortalecer o tecido de alianzas na confrontación social que hai no país para poder construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
Carril animou a reforzar a organización e o modelo sindical da CIG que só pode existir “se hai compromiso militante, participación e traballo colectivo e acción real nos centros de traballo e nas rúas”.
O secretario xeral quixo rematar a súa intervención trasladando os parabéns á nova Executiva federal e cun agradecemento especial a Tupi polo seu traballo, a súa dedicación e o seu compromiso durante tantos anos. “Foi unha honra e un privilexio compartir con el traballo e debate, e sobre todo, gozar da súa camaradería”, concluíu.
Marcos Conde: “precisamos unha política industrial galega, non depredadora, sustentábel e pensada para o futuro”
O encargado de concluír este IV Congreso foi o novo secretario nacional, Marcos Conde, quen iniciou a súa intervención cun sentido recoñecemento aos compañeiros e compañeiras que deixan a Executiva federal e, “moi especialmente ao compañeiro Tupi pola súa entrega e contribución a este proxecto colectivo”.
Puxo en valor o carácter de proxecto común e plural da CIG e na obriga “de estar á altura das necesidades da clase traballadora galega”, polo que marcou como tarifas principais da nova Executiva “fortalecer a nosa presenza nos centros de traballo, mellorar a coordinación dos subsectores industriais, impulsar a afiliación e a formación sindical, reforzar os mecanismos de seguimento da negociación colectiva e avanzar decididamente cara a un marco galego de relacións laborais”.
Marcos Conde alertou da grave situación industrial que vive o noso país e denunciou a inexistencia dunha estratexia propia. “A nosa capacidade para decidir está secuestrada por intereses alleos, polos ditados do capital financeiro e polas prioridades de Madrid”, criticou, fronte ao que reivindicou competencias plenas para Galiza nesta materia.
Ante o fracaso da chamada transición xusta, exixiu “un verdadeiro plan de reindustrialización galego que vincule produción e territorio, que peche ciclos produtivos dentro do país e que aumente o valor engadido da nosa produción”. Nesta liña defendeu a reestatalización das empresas estratéxicas privatizadas e impulsar a creación do Instituto da Empresa Pública Galega. “Necesitamos construír unha política industrial galega, non depredadora, sustentábel e pensada para o futuro. Un modelo que aproveite os nosos recursos en beneficio da maioría social e que garanta emprego digno e estabilidade para as vindeiras xeracións”, aseverou.
Criticou que o sector naval non fora declarado estratéxico até o ano 2024, e a insuficiencia do plan xa Xunta. Situación similar, engadiu, ao que ocorre na automoción, xa que a transición ao vehículo eléctrico estase a facer sen garantir o futuro das persoas traballadoras galegas”
Puxo enriba da mesa exixencias concretas como unha eléctrica galega, plans industriais vinculados ás actividades enerxéticas, e a aposta pola formación para fixar talento. “Porque a industria do futuro require traballo digno, estabilidade e condicións laborais xustas e dignas”. No referido ás condicións de traballo, expuxo como fundamental avanzar cara a un Marco Galego de Relacións Laborais que recoñeza os convenios sectoriais e provinciais como prioritarios fronte aos estatais e tamén seguir loitando contra a fenda de xénero e a desigualdade estrutural.
Reforzar a organización
Ao longo da súa intervención, o novo secretario nacional da CIG-Industria chamou a fortalecer a organización, reforzando a presenza nos centros de traballo, promovendo a creación de seccións sindicais, a participación a través de asembleas e a dinamización dos organismos; así como avanzar na consolidación dos subsectores. Conde instou tamén a mellorar os mecanismos de seguimento da negociación colectiva e ampliara base afiliativa “porque sen afiliación non hai organización, e sen organización non hai loita”.