Redacción •  Galicia •  27/07/2025

Traballadoras de Eroski-Familia proseguen en Ferrol coas protestas contra a sobrecarga laboral e por salarios dignos

  • A campaña continuará nas vindeiras por toda o país e xa están previstas novas concentracións para os días 13, 22 e 29 de agosto en Ribadeo, Vigo e Ribadavia respectivamente.
Traballadoras de Eroski-Familia proseguen en Ferrol coas protestas contra a sobrecarga laboral e por salarios dignos

A CIG continuou este xoves coa campaña de mobilizacións contra a sobrecarga laboral e para demandar condicións salariais e laborais dignas en Vegalsa-Eroski. Tras a primeira protesta realizada en Compostela, hoxe as traballadoras e traballadores realizaron dúas concentracións en Ferrol: a primeira diante da tenda Familia da rúa Pontevedra e a seguir ás portas do supermercado Eroski da rúa Perbes, a onde se trasladaron en manifestación.

A campaña continuará nas vindeiras por toda o país e xa están previstas novas concentracións para os días 13, 22 e 29 de agosto en Ribadeo, Vigo e Ribadavia respectivamente. Ademais, o 5 de setembro realizarase unha protesta na Coruña con posterior marcha até o central de Vegalsa. De xeito paralelo, a sección sindical da CIG está facendo unha recollida de sinaturas entre o persoal para trasladar o seu malestar á dirección polas precarias condicións laborais e exixir solucións.

A respresentación da CIG denuncia a insoportábel carga de traballo que ten que asumir o persoal desta empresa xa que a pesar dos beneficios millonarios, non se cobren nin as baixas, nin as vacacións, nin as licencias e tampouco se aumentan os cadros de persoal, “obrigándonos a ter que realizar enormes sobre esforzos para poder sacar adiante a carga de traballo diaria”.

Advirten que esta continua sobrecarga está provocando problemas de saúde no persoal, tanto a nivel psicolóxico como físico, cun elevado número de baixas por problemas muscoloesqueléticos e acadando “niveis de absentismo históricos”. Pero mentres as traballadoras e traballadores enferman “a empresa mira para outro lado, sen querer aplicar medidas para fomentar postos de traballo saudábeis”.

Ademais da sobrecarga, con esta campaña de mobilizacións, as delegadas da CIG tamén queren denunciar a precariedade laboral que sofre o persoal de Vegalsa-Eroski. “Somos as traballadoras peor pagadas do sector do comercio de alimentación e soportamos unhas xornadas irregulares que complican moito a nosa conciliación familiar”, subliñan. A isto súmanse que a empresa lles fai devolver os 15 minutos de descanso durante a xornada diaria, que até hai uns anos computaba como tempo efectivo de traballo.

Outra das problemáticas que poñen enriba da mesa refírese as elevadas taxas de parcialidade na contratación. “Cobramos un salario miserento e dispoñen de nós ao seu capricho, a empresa non respecta os horarios e non permite así que poidamos buscar outro traballado para chegar a fin de mes”.

Por todo isto, a representación da CIG en Vegalsa-Eroski nas catro provincias acordou iniciar este calendario de mobilizacións para reclamar condicións laborais e salariais dignas.


Sindicalismo /