Redacción •  Galicia •  26/11/2025

Peña-Rey, Suárez Canal, o TOP e o nacemento do ecoloxismo, na Casa dos Poetas este sábado

  • Adela Figueroa, unha das fundadoras de ADEGA, e o historiador Francisco Redondo presentarán pola mañá (11.45) a obra colectiva A Transición en Galiza.
  • Pola tarde (16.30), unha mesa redonda reunirá a Dolores Reverter, Nemesio Barxa, Manuel Peña-Rey e Alfredo Suárez Canal para falar sobre a Transición en Ourense.
Peña-Rey, Suárez Canal, o TOP e o nacemento do ecoloxismo, na Casa dos Poetas este sábado

Celanova, 26 de novembro de 2025.

As XORNADAS DE MEMORIA ANTIFASCISTA sobre A TRANSICIÓN ESPAÑOLA conclúen este sábado na Casa dos Poetas de Celanova cunha cita dobre. Ás 11.45 horas terá lugar a presentación da obra colectiva A Transición en Galiza (Ed. Laiovento, 2023), un compendio de catorce ensaios que abordan distintos aspectos da vida social e política do país naqueles anos. Un proceso que, segundo define Justo Beramendi (falecido en xullo do ano pasado) na súa contribución, “non foi exclusivamente de mutación política, senón tamén aceleración doutros cambios de índole social, ideolóxica ou cultural”.

A activista Adela Figueroa Panisse, catedrática de Bioloxía, fundadora de ADEGA e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, abrirá a mañá cunha presentación do libro e un relato da súa experiencia nos movementos sociais da Transición, sinaladamente no ecoloxismo e na loita polos dereitos lingüísticos.

A continuación, o investigador Francisco Xabier Redondo tratará sobre a persecución ideolóxica e a represión xudicial en Galiza no período 1964-1976 a través do TOP (Tribunal de Orde Pública) contra “a complexa acción colectiva unidireccional pola democracia e as liberdades” que xurdiu durante o tardofranquismo.

Pola tarde, celebrarase a mesa redonda baixo o título A Transición en Ourense. Comezará as 16.30 horas no mesmo escenario da Casa dos Poetas, un coloquio moderado por Moncho Boán, membro do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que reunirá a catro personalidades destacadas da loita antifranquista no país e especialmente en Ourense desde posicións e militancias comunistas e nacionalistas.

Falarán Dolores Alonso Reverter, Nemesio Barxa, Manuel Peña-Rey e Alfredo Suárez Canal, personalidades ben coñecidas en Ourense dos que a continuación ofrecemos unha breve nota biográfica.

María Dolores Alonso Reverter (Vigo, 14 de xuño de 1942) foi profesora de Francés, fundadora en Ourense do Movemento Democrático de Mulleres e militante do Partido Comunista de Galicia nos anos da Transición. A mediados dos oitenta, fundou a Asociación de Mujeres Separadas y Divorciadas de Ourense, da que sería presidenta durante 22 anos. Tamén formou parte da Marcha Mundial das Mulleres e da Fundación Falando Nós. Seu pai, Luis Alonso, oventense, estivo preso na Prisión de Celanova, e nas visitas aos presos coñeceu a Dolores Reverter, que tiña preso tamén aquí a seu pai, Estanislao. A propia Dolores Reverter tamén sufrira cadea en Bande naqueles anos. Dolores Alonso continúa coa súa militancia política en Esquerda Unida.

Nemesio Barxa Álvarez (Caldesiños, Viana, 16 de febreiro de 1935) é licenciado en Dereito pola Universidad de Salamanca e Graduado Social pola USC. En 1968 foi avogado dos afectados pola presa de Fenosa en Castrelo de Miño, no mesmo ano foi un dos impulsores da Agrupación Cultural Auriense. Fundador do Consello de Avogados de Galicia e membro da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, foi tamén vicepresidente da Federación Europea ADE (Abogados Demócratas Europeos). Vinculado ao nacionalismo, foi candidato do Bloque Nacionalista Galego ao Congreso dos Deputados nas Eleccións Xerais de España de 2000 pola circunscrición de Ourense, e ás Eleccións ao Parlamento Europeo de 2004.

Manuel Peña-Rey Bouzas (Ourense, 4 de marzo de 1938) médico e político galego. Militante do Partido Comunista de España, durante o franquismo foi detido en abril de 1971 acusado de propaganda ilegal e de pertencer a Comisións Obreiras.Foi procesado e expulsado do traballo no Hospital Médico Provincial de Ourense. Nas eleccións de 1977 encabezou a candidatura do PCE pola provincia de Ourense. Foi secretario xeral do Partido Comunista de Galicia (1995-2000) e actualmente é o presidente de honra do PCG.

Alfredo Suárez Canal (Allariz, Ourense, 5 de xullo de 1951) licenciado en Matemáticas, foi profesor de secundaria e militante nacionalista desde os anos 70, participando na creación do BNG. Foi concelleiro en Allariz (1979-1983), deputado no Parlamento de Galicia (1993-2005) e conselleiro de Medio Rural da Xunta entre 2005 e 2009. Durante ese mandato impulsou o Banco de Terras e políticas forestais innovadoras. Deixou a primeira liña política en 2012.

AGRADECEMENTOS: O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova agradece ás participantes e público asistente as súas achegas e a presencia nestas Xornadas que foron posíbeis pola colaboración do Concello de Celanova e da Fundación Curros Enríquez.


Celanova /