Redacción •  Galicia •  25/04/2021

O BNG de Celanova critica que o alcalde abandonase a opción pública para a Residencia

  • Ante a posibilidade dun cambio no control do centro, as nacionalistas reclaman que se manteña a parte pública do padroado e lembran que o urxente é reforzar o persoal.
O BNG de Celanova critica que o alcalde abandonase a opción pública para a Residencia

“Se finalmente se confirma o acordo entre os patróns da Residencia San Carlos e a Fundación San Rosendo, Celanova terá deixado pasar a oportunidade dunha opción pública para o centro de maiores que derivará cara un modelo de atención moi diferente ao que vimos reclamando desde o BNG”, explica Leopoldo Rodríguez, portavoz nacionalista en Celanova e impulsor do acordo municipal do pasado mes de setembro que apostaba por reforzar o carácter público da Residencia con apoio económico e no labor de xestión.

O BNG de Celanova advirte que a abulia do alcalde no que respecta á sorte da Residencia ten moito que ver co desenlace da maior crise socio sanitaria que viviu Celanova durante a pandemia. As nacionalistas lembran que no pleno de xaneiro de 2021 o alcalde recoñeceu que aínda non formalizara a súa incorporación ao padroado de Residencia como membro nato en representación do Concello de Celanova, e pasaron vinte meses até que por fin o fixo -como informou no pleno de abril a preguntas do BNG- sen recordar nin sequera a data.
Durante a crise, o alcalde eludiu afrontar a responsabilidade que lle correspondía e mesmo o pasado xaneiro advertiu que non ía facer “nin máis nin menos” que os seus antecesores. O BNG lembroulle que só tardou quince días desde que colleu o bastón en 2019 en asumir a presidencia da Fundación Curros, a outra entidade sen ánimo de lucro con vínculos directos co Concello de Celanova.

“Entendemos que o alcalde non participou, como lle correspondía, nos momentos decisivos da historia recente da Residencia, e que deberá dar explicacións tanto de por que non o fixo como da súa intervención ou ausencia de intervención nestas negociacións que agora se coñecen”, indica Leopoldo Rodríguez.

As nacionalistas consideran que o Concello de Celanova debe velar por manter a participación pública no padroado da Residencia e que esa é unha condición na que ten que comprometerse a traballar (agora si) o alcalde, como máximo representante das veciñas e dos veciños.

Finalmente, o BNG comparte a preocupación expresada polos colectivos de familiares de usuarias de residencias a respecto de mudanzas nas condicións e na atención que puideran derivarse dun eventual cambio na xestión, e lembra que as necesidades financeiras do centro son coñecidas e insiste en que o urxente é reforzar o persoal, especialmente no apartado sanitario.


Celanova /  política municipal /