Redacción •  Galicia •  24/10/2025

Esquerda unida defende que a protección á infancia e xuventude debe estar no centro das políticas sociais do Xunta

  • Ao respecto da acollida de menores migrantes estranxeiros, Esquerda Unida denuncia a actitude insolidaria e a falta de resposta ao actual colapso do sistema de protección de menores por parte do Goberno da Xunta de Galicia.
  • Chus Rodríguez: “A apertura do ‘macrocentro’ en Monforte, como único recurso de acollida proposto pola Xunta, supón a creación dun gueto, ao separar e non atender en condicións de igualdade as crianzas e adolescentes migrantes, e unha mala praxe en materia de protección á infancia, que mesmo vai en contra da Convención dos Dereitos da Infancia”.
Esquerda unida defende que a protección á infancia e xuventude debe estar no centro das políticas sociais do Xunta

Este xoves, a responsable de Política Institucional de Esquerda Unida, Chus Rodríguez e a Ministra de Xuventude e Infancia, Sira Rego, mantiveron un encontro no que abordaron a situación de emerxencia na que se atopa a acollida de menores migrantes en Galicia. Á xuntanza foron convidados representantes da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), coa que Esquerda Unida vén mantendo encontros nos últimos meses.

A ministra de Xuventude e Infancia lembrou “que as CCAA tiveron sete meses para adaptar os seus sistemas ao Real Decreto-lei de acollida solidaria pero preferiron usar o tempo e os recursos para tratar de boicotear o seu desenvolvemento”. Asimismo, suliñou que non se trata dunha cuestión de falta de recursos: “As rebaixas fiscais en Galicia supoñen a perda de 800 millons de euros nos orzamentos do último ano. Cunha parte pequena desa cantidade poderíase financiar o sistema de acollida e outros servizos públicos como sanidade, educación ou dependencia”.

Rego engadiu que o seu departamento traballa nun Real Decreto de sistemas de acollida co obxectivo de crear uns estándares mínimos para todas as comunidades autónomas: “Imos establecer ratios de traballadores e traballadoras e a apostar por centros máis pequenos”, apuntou.

“Desde Esquerda Unida levamos tempo denunciando a actitude non colaboradora por parte do Goberno da Xunta na acollida de menores migrantes procedentes doutras CCAA en condicións de colapso” afirma Chus Rodríguez. Esta actitude da Xunta, “negándose a sentar a falar co Ministerio de Xuventude e Infancia – sinalou a responsable de Política Institucional de EU – tivo como consecuencia a nula previsión e preparación do sistema de protección á infancia, e unha resposta insuficiente á situación de emerxencia coa que actualmente nos atopamos para a xa saturada rede do sistema”.

“A solución de última hora que se lle ocorreu á Conselleira de Política Social foi a apertura dun ‘macrocentro’ en Monforte de Lemos con 80 prazas, cando o número de migrantes que veñan vai ser moito maior e o sistema xa é insuficiente para as crianzas que actualmente o precisan” apuntou Rodríguez.

Para Esquerda Unida, é preciso reverter a externalización da xestión dos centros, “actitude enmarcada nesa deriva privatizadora da Xunta”, así como a apertura de novos centros de acollida residencial, casas de familia, “e a procura, selección e formación de familias acolledoras e a contratación de persoal formado” engadiu Chus Rodríguez.

Chus Rodríguez condenou a “falta de investimento” en políticas para a infancia e adolescencia por parte da Xunta de Galicia, así como por parte de moitos gobernos municipais do PP. “Semella que a infancia non é unha prioridade para estes gobernos, cando debera estar no centro das políticas sociais de calquera Administración”.


políticas sociales /