Redacción •  Galicia •  24/08/2025

A FCM-CIG denuncia impagos e abusos por parte da construtora coruñesa Proycoga

  • A empresa adebedaríalle unha nómina e unha paga extra ao seu persoal.
A FCM-CIG denuncia impagos e abusos por parte da construtora coruñesa Proycoga

A Federación de Construción e Madeira da CIG denuncia a situación que se está a dar en Proycoga, empresa da Coruña dedicada á construción, xa que, segundo denuncias presentadas, se estarían a producir impagos e prácticas laborais que poderían resultar contrarias á legalidade.

A central nacionalista recibiu nos últimos meses denuncias de traballadores que levan meses sen cobrar con regularidade, e aos que se lles adebedaría neste intre cando menos unha nómina e unha paga extraordinaria completas. 

Segundo a información achegada polo persoal á organización sindical, desde hai tempo prodúcense situacións laborais que inclúen xornadas superiores ao establecido sen rexistro nin compensación, cambios nas condicións de traballo sen aviso previo ou a imposición unilateral de períodos de vacacións cando a empresa carece de carga de traballo.

En determinados casos mesmo se tería indicado a empregados que prestasen servizos noutras compañías sen contrato nin cobertura legal, o que podería encaixar na figura de cesión ilegal de persoal. Algúns destes traballadores aseguran sentirse presionados a presentar a baixa voluntaria para aforrarlle á empresa ter que despedilos, e a consecuente indemnización.

Estas prácticas, segundo a CIG, sitúan as persoas traballadoras nunha situación de indefensión tanto económica como laboral, xerando unha precariedade evidente e un clima laboral negativo. A central sindical considera necesario dar a coñecer publicamente esta realidade para alertar sobre uns feitos que xa foron postos en coñecemento da autoridade laboral competente.


Sindicalismo /