Redacción •  Galicia •  22/09/2026

Patrimonio autoriza a protección da pintada “Adiante semanario”

Patrimonio autoriza a protección da pintada “Adiante semanario”

A pintada histórica Adiante semanario, situada na fachada oeste do Mosteiro de San Salvador de Celanova, conta xa co marco legal necesario para iniciar a súa recuperación. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia autorizou o pasado 23 de xuño de 2026, mediante resolución asinada polo director xeral Ángel Miramontes Carballada (expediente SAR-2026-0097-AUI), as fases de análise, diagnose e deseño de musealización do elemento, danado o 7 de marzo deste ano.

A autorización chega despois de que a Diocese de Ourense, a través da Vigairía Episcopal e como titular do inmoble, dese a súa conformidade previa á intervención, e de que a Subcomisión de Conservación Igrexa-Xunta emitise informe favorable o 18 de xuño.

Un símbolo do galeguismo con máis de 93 anos de historia

A pintada é considerada unha das pintadas de carácter político máis antigas da península Ibérica e un símbolo senlleiro do galeguismo, vinculada a figuras fundamentais da nosa historia como Celso Emilio Ferreiro e Xosé Velo. Está situada, ademais, nun monumento declarado Ben de Interese Cultural (BIC). A súa historia e o seu legado poden consultarse na web do Comité.

A produtora que causou o dano, á fronte da reparación

O expediente foi impulsado pola produtora Vaca Net TV SLU, responsable da alteración sufrida pola pintada, baixo a dirección técnica do arqueólogo Eduardo Breogán Nieto Muñiz. O Comité valora que a empresa asumise a promoción do estudo, a conservación e a salvagarda do ben, e confía en que ese compromiso se manteña ata a restauración completa e efectiva da pintada.

Tres fases autorizadas e requisitos estritos

A resolución de Patrimonio habilita tres fases iniciais. A Fase IA consiste na análise dos danos e na diagnose conservativa: avaliación do soporte pétreo, da materia pictórica orixinal e da alteración sufrida, así como probas de limpeza química e mecánica. A Fase IB corresponde á redacción da proposta de restauración, co protocolo para recuperar a visibilidade da pintada orixinal garantindo a integridade da pedra. A Fase II é o proxecto de musealización e visibilización, co deseño de elementos físicos discretos e integrados no conxunto monumental que protexan o ben e acheguen información histórica ás persoas visitantes.

A resolución establece de xeito vinculante que todas as análises sobre a materia pictórica, o soporte e os tratamentos deben ser executados por persoal con titulación específica en conservación e restauración.
Unha vez rematados os informes técnicos das fases IA, IB e II, o proxecto asinado deberá remitirse de novo á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Só cunha nova autorización previa e explícita poderán comezar as obras físicas de restauración na fachada (Fases IIIA e IIIB).

Unha pintada sen protección catalogada

A propia resolución do 23 de xuño constata que a pintada non figura actualmente en ningún inventario nin catálogo formal de bens patrimoniais. O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova considera que esta situación debe corrixirse e solicitará que Adiante semanario sexa recoñecida e catalogada como elemento patrimonial de seu, para que a súa protección non dependa unicamente da súa localización nun BIC.

O Comité continuará a facer seguimento público do proceso e informará dos avances de cada fase. O Comité agradece a colaboración da ES de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, con sede en Vigo, cuxas recomendacións en marzo de 2024 deron inicio a todo este proceso. Tamén agradece a cooperación do Goberno municipal do Concello de Celanova para facilitar a instalación provisional dun cartel informativo na fachada do Mosteiro nestes meses previos á intervención.


patrimonio arqueológico /