Persoal de Unísono mobilízase en Vigo contra o empeoramento «insoportábel» das condicións laborais
- Un grupo de persoas traballadoras convocadas pola CIG desenvolveu concentracións de mañá e tarde diante dos centros de traballo da Gran Vía e da rúa Valencia.

Persoal de Unísono, empresa do sector de centros de chamadas con sede en Vigo, mobilizouse hoxe en horario de mañá e tarde diante das instalacións da Gran Vía e da rúa Valencia para rexeitar o empeoramento “insoportábel” das condicións laborais. Abuso na contratatación fixa-descontinua, imposibilidade de conciliación, traballo en operativas complexas cobrando o SMI ou xornadas abusivas son algunhas das moitas problemáticas que padecen as persoas traballadoras dende hai anos pero que se agudizaron nos últimos meses.
As concentracións desenvolvéronse de 12:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 18: horas ao berro de “Sen parar de chamar e nós a enfermar” para chamar a atención sobre a situación que se vive dentro da compañía. “Decidimos que é o momento de pasar á acción para dicirlle á empresa que xa abonda de abusos, presións e precariedade”, sinalan dende a sección sindical da CIG en Unísono.
Traballar en campañas con operativas “moi complexas” cobrando o salario mínimo é posíbel porque a empresa só recoñece a categoría de teleoperador/a. “Nin sequera somos especialistas, cando deberiamos ter recoñecida a categoría de xestores/as polas tarefas que realizamos”.
O persoal vese na obriga tamén de soportar condicións abusivas, chegando a traballar oito días de maneira continuada sen que nin sequera se lle garantan os dous días de descanso semanal seguidos. Ademais, os incentivos económicos son cada vez máis escasos e con obxectivos imposíbeis de alcanzar.
“Impóñennos restricións absurdas para o uso libre das nosas horas médicas, sen nin sequera ter en conta o que implica o acompañamento de maiores ou menores ou a atención de urxencia”. E a opción de teletraballar non está dispoñíbel en todas as campañas; nalgunhas nin sequera existe, e noutras non está regulada, cando debera existir en todas.
As persoas traballadoras coa quenda partida ven rexeitadas sistematicamente as súas peticións de ter unha hora en vez de dúas para a comida, o que supón pasarse o día enteiro en Unísono sen posibilidade de conciliar a súa vida persoal e laboral.
“E nas formacións de inicio, que nalgunhas campañas duran mes e medio, a empresa dispón das nosas vidas durante todo ese tempo sen ningún tipo de remuneración, para despois ofrecernos un contrato eventual que ás veces dura tanto como a formación, ou incluso menos”.
Por todo isto, decidiron poñer en marcha unha campaña de mobilizacións que agardan manter no tempo até que Unísono corrixa a situación, “porque nos últimos meses as condicións de traballo empeoraron até o punto de que a situación é insoportábel”.