Redacción •  Galicia •  04/04/2026

BNG defende ante o Goberno 2% cultural para o antigo Cuartel de San Fernando e impulsar o Museo da Romanización

  • Néstor Rego reclama ao Goberno do Estado implicación activa para garantir que o proxecto do Museo da Romanización da Galiza se faga realidade
BNG defende ante o Goberno 2% cultural para o antigo Cuartel de San Fernando e impulsar o Museo da Romanización

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado amose o seu compromiso co proxecto de creación do Museo da Romanización da Galiza. A organización nacionalista reclama incluír o antigo Cuartel de San Fernando da cidade de Lugo na convocatoria de 2% Cultural.

O pasado 13 de febreiro de 2026, o Concello de Lugo formalizou ante o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana a súa candidatura a este programa co obxectivo de rehabilitar este edificio histórico e convertelo nun espazo de referencia para a conservación, investigación e divulgación do legado romano-castrexo da Galiza. Porén, o BNG advirte que a administración local non pode asumir en solitario o custo desta actuación, que ascende a 15,2 millóns de euros, e que require da implicación doutras administracións.

Neste sentido, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia a falta de compromiso da Xunta de Galiza, “que leva anos desentendéndose dun proxecto estratéxico para Lugo e para o conxunto do País, a pesar de ter as competencias en materia de patrimonio cultural”.

Rego subliña que “o Museo da Romanización da Galiza é un acaído para unha cidade que é referente no legado romano, cunha Muralla declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO desde o ano 2000, e que, incomprensibelmente, aínda non conta cun museo que poña en valor todo ese patrimonio”.

O BNG considera que o Goberno do Estado debe valorar positivamente a candidatura presentada polo Concello de Lugo e actuar en consecuencia, facilitando o acceso ao financiamento de 2% Cultural e garantindo unha subvención que poida acadar até 75% do investimento total previsto.

“O executivo estatal debe comprometerse de maneira clara con esta iniciativa, entendendo que o Concello non pode asumir en solitario a rehabilitación e acondicionamento do Cuartel de San Fernando” afirma Rego, quen engade que “é unha oportunidade para impulsar un proxecto que leva anos paralizado e que conta coas instalacións necesarias, mais que permanece no abandono pola falta de vontade política doutras administracións”.

O deputado nacionalista incide tamén en que “Lugo precisa desta dotación para completar a súa oferta cultural e turística, reforzando a ruta arqueolóxica da cidade e situando en valor o seu extraordinario patrimonio histórico”.


Cultura /