Redacción •  Galicia •  22/03/2022

3 de abril, manifestación para urxir solucións á crise de prezos

Ana Pontón: «É impresentable que Goberno central e Xunta non activen nin unha soa medida; mentres Feixoo fai o de sempre: botar balóns fóra».

O Bloque propón un decálogo de medidas urxentes para axudar aos sectores máis afectados da economía galega e ás familias cada día máis empobrecidas.

3 de abril, manifestación para urxir solucións á crise de prezos

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a campaña de mobilizacións que impulsará o BNG para reclamar solucións á crise de prezos e que rematará cunha manifestación o próximo 3 de abril en Santiago,  para a que fixo un chamamento á participación de todos os colectivos afectados e do conxunto da sociedade co obxectivo de “reclamar con presión social nas rúas que se tomen medidas xa para evitar o colapso dos nosos sectores económicos”.

Neste sentido, Pontón considerou “impresentable” que nin a Xunta nin o Goberno central estean poñendo sobre a mesa “solucións reais e eficaces, no curto e no medio prazo, para darlle oxíxeno a sectores estratéxicos da economía do País”. “Esta crise está a provocar unha situación de estrema gravidade, con familias cada día máis empobrecidas, un goteo continuo de empresas que están paralizando a súa actividade e con sectores clave dentro da economía galega, como o agrogandeiro e o pesqueiro, nunha situación de colapso”, advertiu, para recalcar a continuación que “urxe actuar para que esta escalada de prezos non siga poñendo en risco miles de empregos”.

A esta campaña de mobilizacións, que se desenvolverá baixo o lema ‘Os prezos soben; os teus cartos baixan: fagámonos valer!’, a líder nacionalista sumou a presión institucional que o Bloque levará tanto ao Congreso como ao Parlamento galego, onde converterá o pleno que comeza mañá nun “monográfico para poñer sobre a mesa alternativas fronte a esta crise económica” e no que tamén propuxo unha modificación da orde do día para que compareza con urxencia o presidente da Xunta e “deixe claro a este País se ten previsto adoptar algunha medida ou se vai seguir cruzado de brazos”.

Porque, ao seu xuízo, resulta “lamentable” que Núñez Feixóo estea dedicado “única e exclusivamente a botar balóns fóra” e sexa incapaz de poñer en riba da mesa unha soa medida para enfrontar unha crise que, segundo recalcou, está a incidir dunha maneira máis forte en Galiza”, aludindo así ao maior crecemento da inflación no País en relación á media estatal.

Dez medidas a curto prazo para oxixenar a familias e sectores máis afectados

Así pois, a portavoz nacional afondou nas medidas a curto prazo que o BNG si ten e que vai defender xa no pleno desta semana da Cámara galega, entre as que sinalou a prohibición da venda a perdas no sector primario, tal e como recolle a lei de cadea alimentaria, a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables e a fixación dun prezo máximo para a electricidade neste ámbito.

De igual xeito, avogou por articular axudas extraordinarias ao sector gandeiro e pesqueiro a través do que se coñece como axudas mínimis -ás que non superan os 200.000 €- e que poden adoptar forma de subvencións, préstamos ou deducións, así como manter as bonificacións ao combustible da frota pesqueira e garantir por parte do Estado o prezo dos hidrocarburos no límite que existía antes da escalada de prezos.

Por último, defendeu a rebaixa temporal dos impostos aos carburantes, distinguindo entre consumo doméstico e profesional, a redución das peaxes en todas as autoestradas galegas, a actuación inmediata sobre o mercado enerxético “poñendo fin aos beneficios caídos do ceo” e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para compensar a Galiza por ser produtora de electricidade.


inflación /