Redacción •  Galicia •  21/12/2025

BNG advirte da ameaza para o sector gandeiro do acordo Mercosur-UE e o recorte da PAC

  • A formación nacionalista rexeita o pacto comercial pola falta de garantías sanitarias e a competencia desleal, e alerta dunha perda de 80 millóns anuais para Galiza coa nova PAC.
  • Gandeiras e gandeiros de Becerreá debateron sobre a comercialización, a marca Ternera Galega e a importancia do extensivo para frear lumes.
BNG advirte da ameaza para o sector gandeiro do acordo Mercosur-UE e o recorte da PAC

O Bloque Nacionalista Galego celebrou esta mañá na Casa da Cultura de Becerreá unha Xornada Nacional de debate sobre a situación do sector do vacún de carne en Galiza. O encontro, diante dun auditorio formado por gandeiras e gandeiros, centrouse na análise das ameazas que supón o futuro acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur e as consecuencias do novo marco financeiro europeo (2028-2034) para a Política Agraria Común.

No primeiro bloque, titulado “A PAC e o Mercosur”, participaron a eurodeputada Ana Miranda e o deputado no Parlamento galego Secundino Fernández. Nesta intervención denunciouse que a proposta orzamentaria da Comisión Europea —gobernada polo PP europeo— para o próximo período supón un recorte do 22% nos fondos da PAC, que pasarían de 387.000 a 302.000 millóns de euros. Este recorte responde a unha priorización do gasto militar, xa que a UE pretende destinar 800.000 millóns de euros en armamento, e para iso é preciso recortar en políticas clave como a PAC.

Para Galiza, esta redución podería significar unha perda de ata 80 millóns de euros anuais destinados a programas de desenvolvemento rural, mobilidade de terras e promoción de produtos agroalimentarios. Trátase dunha perda de autonomía e financiamento, xa que os Estados Membros terán que cofinanciar liñas de axuda, o que pode deixar en desvantaxe competitiva aos nosos gandeiros e gandeiras. Coas políticas actuais, a situación é clara: o noso rural quedará sen a financiación necesaria, a costa de incrementar o armamento.

En canto ao acordo co Mercosur —integrado por Arxentina, Uruguai, Paraguai, Bolivia e Brasil—, o BNG mantén a súa oposición á liberalización do 90% do comercio entre os dous bloques. O pacto, previsto para entrar en vigor en 2026, prexudicaría gravemente ás explotacións galegas, especialmente ás dedicadas á carne de vacún, aves e mel, e supón un risco para as persoas consumidoras debido á falta de garantías sanitarias dos produtos importados. Ademais, o acordo beneficia principalmente ás grandes multinacionais agroindustriais e fomenta o monocultivo intensivo, provocando así unha competencia desleal para a produción local.

Na segunda palestra, dedicado ao “Sector vacún de carne na Galiza”, Román Sánchez e Sonia Vidal debateron cos asistentes sobre a situación actual e as estratexias de futuro. Puxéronse sobre a mesa problemas como a saída masiva de becerros cara a outros territorios, a descapitalización do sector polos altos prezos e as tensións entre oferta e demanda que deixan en segundo plano a diferenciación da marca. Destacouse a necesidade de diversificar as canles de comercialización, potenciar a venda directa e os obradoiros compartidos, así como apoiar a elaboración de comida transformada.

Vidal e Sánchez subliñaron a importancia estratéxica da gandería en extensivo para a prevención de incendios forestais e o coidado do medio rural. Respecto á Indicación Xeográfica Protexida Ternera Galega, recalcouse o seu papel como ferramenta valiosa, pero criticouse a falta de políticas públicas que a acompañen e a potencien efectivamente.

En conclusión, o BNG reiterou o seu rexeitamento frontal ao acordo Mercosur-UE polas graves repercusións que terá no sector agroganadeiro galego e na seguridade alimentaria, e exixiu unha PAC con fondos suficientes e garantidos que protexa o modelo gandeiro de Galiza, vertebrador do territorio e esencial para a súa sustentabilidade económica e ambiental.


PAC /