Redacción •  Galicia •  21/05/2026

BNG denuncia a falta de compromiso do PP co cadro de persoal de Nestlé: “Boas palabras pero cero compromiso”

Bará reafirma o apoio do Bloque ás persoas traballadoras afectadas por un ERE “totalmente inxustificado” nunha empresa con beneficios millonarios.

BNG denuncia a falta de compromiso do PP co cadro de persoal de Nestlé: “Boas palabras pero cero compromiso”

O deputado por Pontevedra Luís Bará reclamou ao conselleiro de Traballo, José González, un compromiso real da Xunta na defensa dos postos de traballo da fábrica de Nestlé de Pontecesures, onde a multinacional vén de anunciar un despedimento colectivo que afecta a 27 traballadores e traballadoras, o 14 % do cadro de persoal.

“O que a Xunta fixo até o de agora foi practicamente nada”, censurou Bará durante unha pregunta ao conselleiro que seguiron desde a tribuna de convidados do hemiciclo representantes do comité de empresa, acompañados pola alcaldesa de Pontecesures, María Teresa Tocino, e membros do BNG na comarca. “Até o de agora, boas palabras pero cero compromiso”, recriminou o deputado nacionalista ao conselleiro. 

Bará reclamou “feitos” o Goberno de Rueda para salvar o emprego na Nestlé e, como primeiro paso, emprazou o titular de Traballo a reunirse coas persoas traballadoras que precisan o apoio da Administración galega para frear un expediente de regulación de emprego que é, subliñou, “absolutamente desproporcionado e inxustificado”. Só en España e só o ano pasado, a multinacional, que alega “razóns organizativas” para os despedimentos, tivo uns beneficios de case “tres mil millóns” de euros, precisou.

“É absolutamente indecente que mentres a multinacional obtén estes beneficios millonarios os traballadores e traballadoras estean vivindo unha situación de angustia, porque de un día para outro poden verse na rúa sen traballo e cunha idade que lles vai dificultar poder buscar outro posto laboral”, asegurou o tamén viceportavoz segundo do BNG no Parlamento. 

Bará amosou o total apoio do BNG ás reivindicacións do cadro de persoal de Nestlé e ás súas mobilizacións, incluído o paro indefinido previsto a partir do día 1 de xuño. “Tamén vostedes ̣—díxolle ao conselleiro— deberían respectar e apoiar estas accións, que son as ferramentas que ten a clase traballadora para defender os seus intereses e facer presión diante da multinacional”.

Xa na quenda da réplica, o deputado nacionalista recriminoulle ao conselleiro que o “marco legal regrado” no que se parapetou durante a súa resposta é precisamente a reforma laboral aprobada polo PP en 2012, una reforma que, salientou, “fai que a empresa teña todo o poder e que os traballadores estean absolutamente vendidos ou que a autoridade laboral non poida paralizar un ERE que non está xustificado por razóns económicas e que as indemnizacións aos traballadores sexa de 20 días por ano traballado cun máximo de doce mensualidades”.   


BNG /