BNG alerta de que a promesa de gasto social dos orzamentos do PP para 2026 é un espellismo: nin suficiente nin real
Noa Presas denuncia que o incremento é inferior á inflación, non compensa os recortes e acaba deturpado por constantes modificacións orzamentarias.

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, advirte que o anuncio do Partido Popular sobre o incremento do gasto social nos orzamentos galegos para 2025 é “un espellismo”, porque “nin é suficiente, nin é real”.
Segundo explicou, existen tres razóns fundamentais que desmenten o relato do Goberno galego ao cualificalos de “históricos”. A primeira é que se trata dun incremento insuficiente nun contexto de suba do IPC porque apenas sobe un 2%, mentres a inflación medrou un 2,7% en 2024, e o dato galego máis recente sitúase no 2,9%. “Isto significa que temos uns orzamentos que en realidade están recortados”, recalcou.
A deputada do BNG indicou que o Executivo de Rueda “fala dun aumento de 321 millóns de euros (un 3,1%) en gasto social, mais está a inflar a cifra incorporando políticas de emprego”. Se nos centramos nos servizos públicos esenciais —Política Social, Sanidade e Ensino—, á espera de poder analizar a información con detalle, Presas prevé que a suba “non cobre sequera o incremento dos prezos”, e advertiu que, nun contexto no que prestar servizos custa máis, o resultado real será “un recorte efectivo nos servizos públicos”.
En segundo lugar, Presas indicou que os orzamentos son insuficientes porque non se compensan os recortes acumulados do PP. A portavoz nacionalista puxo como exemplo a “nova propaganda sobre saúde mental”. O Goberno galego promete 17 millóns de euros para o Plan Galego de Saúde Mental, “cando o Consello de Contas vén de desmontar as promesas anteriores cun informe que lle saca as cores ao Goberno galego” .
E é que, segundo indicou, en 2020, o PP comprometeu 83 millóns de euros para gastar entre 2020 e 2024, pero o investimento real foi só de 33 millóns de euros, incluíndo o persoal. “Mentres o Partido Popular fai esta demagoxia orzamentaria, hai case 8 mil persoas non o seu País esperando por unha consulta de psiquiatría e iso é intolerable”, criticou.
O mesmo sucede coa Atención Primaria: “Os 1.747 millóns anunciados non compensan os case 2.000 millóns de recortes acumulados nin serven para que Galiza deixe de estar á cola do investimento no Estado”, afirmou Presas.
E en terceiro lugar, Presas tamén advirte que estes orzamentos son un espellismo porque se cambian constantemente con modificacións orzamentarias. “É unha tomadura de pelo. Un espellismo que se dilúe con modificacións orzamentarias”, incidiu.
A deputada puxo como exemplo desta miraxe o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ,para o que o PP destina 10 millóns máis nos orzamentos de 2026, pero no que vai de 2025 xa recortaron 17 millóns neste mesmo servizo. É dicir, que a nova cifra prometida “nin sequera compensa o recorte que aplicou o Partido Popular neste ano 2025”, subliñou.
Por tanto, “unha vez máis, os orzamentos que non son históricos, non son suficientes e, por suposto, non son nin reais nin sociais”, sentenciou.
