Redacción •  Galicia •  19/01/2026

A patronal evidencia que non quere solucionar o conflito do transporte ao condicionar a mediación á suspensión da folga

A CIG lembra que antes de impor requisitos, a patronal debe sentar negociar.

A patronal evidencia que non quere solucionar o conflito do transporte ao condicionar a mediación á suspensión da folga

A oitava xornada de folga no transporte en autobús da provincia da Coruña arrincou este luns sen movementos por parte da patronal que amosen unha vontade real para resolver o conflito. Malia a parte social ter rexistrado a solicitude de mediación o pasado venres, o empresariado non deu resposta até ás dez da noite de onte domingo, mais demandando a suspensión da folga como requisito previo para aceptar negociar.

Unha resposta, aclara Ernesto López Rei, que non se axusta aos acordos da AGA “xa que non está previsto que se acepten as mediacións condicionadas. Polo tanto, a patronal ten que aceptar a mediación e cando sentemos negociar pode poñer as súas condicións, pero non antes”. Porque ademais, engade, a patronal pretende escusarse nuns supostos actos vandálicos “que non están sucedendo”.

Para a representación social, esta actitude é un pretexto máis da patronal para seguir alongando o conflito e tensar o persoal. Lembran que a única proposta do empresariado consistiu nun incremento salarial do 2% e que foi a propia patronal a que abandonou o pasado 19 de decembro a mesa de negociación no seo do Consello Galego de Relacións Laborais. Dende entón non se produciu ningún contacto nin avance para tentar chegar a acordo.

“Está todo exactamente igual que o primeiro día de folga: o transporte parado, a patronal sen moverse e a Xunta desaparecida”, reitera López Rei, lembrando que a folga continuará mañá martes e o venres 23 e adquirirá carácter indefinido a partir do 2 de febreiro.

Critica a inacción da Xunta de Galiza que debería estar traballando activamente para resolver o conflito, garantir unhas condicións laborais dignas no sector e que as persoas usuarias “non queden tiradas nas paradas. Mais á Xunta parece que lle dá igual e non está presionando a patronal para que sente negociar”.

“Todo parece indicar que o conflito se endurecerá porque a patronal non quere dialogar. É unha tremenda irresponsabilidade tanto por parte das empresas como da Xunta”, valora López Rei.

Neste contexto, e cuns servizos mínimos abusivos, lamenta a actitude da policía nesta xornada, excedendo as súas funcións ao identificar condutores/as dentro dos autobuses e tentado coaccionar o persoal. “É a primeira vez que acontece algo así”, sinala.


folga /