Redacción •  Galicia •  18/10/2025

A CIG valora positivamente que non saíse adiante a OPA hostil do BBVA sobre o Banco Sabadell

  • Remata a incerteza para o persoal das dúas entidades ao frustrarse unha operación que a bo seguro suporía a perda de numerosos empregos
A CIG valora positivamente que non saíse adiante a OPA hostil do BBVA sobre o Banco Sabadell

As seccións sindicais da CIG no BBVA e no Banco Sabadell valoran positivamente o feito de que finalmente non saíse adiante a OPA hostil do BBVA sobre o Banco Sabadell, un proceso que provocaba incerteza entre os cados de persoal xa que a bo seguro tería afectado a numerosos postos de traballo.

Dende maio de 2024 o persoal destas dúas entidades estivo sometido a un grao de incerteza inaudito sobre o seu futuro, pois nesa data o BBVA dirixírase ao Banco Sabadell para propoñerlle unha fusión que a bo seguro suporía “un durísimo novo golpe ao emprego”. Xa en 2021 os postos de traballo víronse reducidos considerablemente a través de procesos de despedimentos colectivos nos dous bancos. A este primeiro intento de fusión sumouse, meses máis tarde o anuncio da OPA hostil do BBVA sobre o Sabadell.

A CIG rexeitou tanto a fusión como posteriormente a OPA, pois prevíase que unha das súas consecuencias fose a destrución de milleiros de empregos con novos peches de oficinas bancarias. Ademais, esta operación provocaría aínda máis concentración bancaria no Estado, dificultando o acceso da clientela aos servizos bancarios, reducindo máis a competencia e o acceso ao creto tanto para particulares como para empresas. 

A representación sindical subliña que desde o momento do anuncio da operación financeira as persoas traballadora sufriron unha “presión salvaxe aínda maior que a habitual” para incrementar a venda de produtos financeiros e a consecución duns obxectivos comerciais cuxos resultados serían presentados pola dirección dos bancos ás xuntas de accionistas, “co obxectivo de anunciar obscenos beneficios de dous díxitos”.

Unha vez frustrada esta operación, que só beneficiaría aos fondos de investimento especulativos estranxeiros, a CIG seguirá atenta a calquera outra semellante que se pretenda acometer no sector financeiro, e que poña en risco postos de traballo en Galiza.


bancos /