Redacción •  Galicia •  18/03/2021

Anova denuncia os impactos negativos do parque eólico Monte Chan sobre a Rede Natura e a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba

Dende a formación política recordase que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rereferente ao parque eólico da Serra do Oribio xa advertiu a finais de 2020 da posible interferencia para ampliación da rede ecolóxica europea pola implantación de proxectos eólicos ao seu carón, como de maneira sistemática está a fomentar o Goberno de Feijóo.

Anova denuncia os impactos negativos do parque eólico Monte Chan sobre a Rede Natura e a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba

Por este motivo, consideran que no proxecto eólico «Monte Chan», que pretende situarse entre os concellos de Vimianzo e Laxe, a Xunta esta a reiterar unha «práctica fraudulenta» ao permitir este tipo de instalacións enerxéticas. Por este motivo, esixe á Administración galega que paralice a súa tramitación polos seus impactos negativos a nivel paisaxístico e ambiental.

O parque eólico Monte Chan, integrado por un total de nove aeroxeradores de 200 metros de altura en punta e impulsado por EDP Renovables España S.L.U., sitúase de feito a escasa distancia das zonas protexidas ZEC Costa da Morte e ZEPA Costa da Morte Norte e afectando de maneira directa á paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, nunha das áreas de maior interese xeomorfolóxico do territorio galego polas singulares formas das súas formacións graníticas.

Dende Anova recórdase tamén que alén das prácticas irregulares da Xunta nas autorizacións eólicas, dende a Unión Europea xa advertiron ao Goberno galego dende 2004 sobre a necesidade de proceder a unha ampliación da Rede Natura no seu territorio, que conta cunha das porcentaxes máis baixas de áreas protexidas a nivel estatal e continental, unha situación que non se deu en ningún caso pois a pesar de que no ano 2011 a Xunta iniciou o trámite cunha proposta de ampliación «non tardou en olvidala», orixinando unha situación «que de maneira sistemática desprotexe espazos de gran valor natural e paisaxístico que deberían gozar de protección», unha práctica «xa advertida na sentenza na que se anulou a autorización ambiental do parque eólico do Oribio» onde se alerta da interferencia que a implantación de aeroxeradores nas áreas próximas pode ter para a rede ecolóxica europea

«No parque eólico Monte Chan, na paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, a Xunta de Galicia aplica a mesma sistemática de ocupar zonas que deberían estar nunha proposta de ampliación da Rede Natura, unha ampliación paralizada precisamente para favorecer a ubicación irregular de eólicos nestas zonas que deberían contar cun grao máximo de protección» -declarou Antón Sánchez, voceiro de Anova-.

A formación demanda que se protexan espazos que, coma os Penedos de Pasarela e Traba, «deben preservarse para as xeracións vindeiras», motivo polo que reclaman á Xunta que se poña «do lado do interese público» e deixa de estar «do lado do interese privado duns poucos».

Asemade, Anova destaca que ademáis da afectación ambiental e paisaxística, o propio documento de inicio do proxecto recoñece o impacto negativo que o parque eólico suporía para a actividade turística, razón pola que demanda que se faga un riguroso estudo sobre a compatibilidade dos usos xa que «de maneira habitual e inexplicable na ampla maioría dos casos prevalece o uso eólico nun país como Galiza que xa en 2020 cubriu completamente a súa demanda eléctrica con renovables».


Alberto Núñez Feijóo /  Anova /  Antón Sánchez /  EDP Renovables /  EDP Renovables España S.L.U. /  Laxe /  parque eólico Monte Chan /  Partido Popular /  Penedos de Pasarela e Traba /  Penedos de Pasarela y Traba /  PP /  Red Natura 2000 /  Tribunal Superior de Xustiza de Galicia /  TSXG /  Vimianzo /  Xunta de Galicia /  ZEC Costa da Morte /  ZEPA Costa da Morte Norte /