Redacción •  Galicia •  16/07/2022

A guerra silenciosa da auga no río Limia

  • Ecoloxistas en Acción de Ourense ven de alertar a CHM-S dun suposto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente no río Limia. A organización ecoloxista foi testemuña na tarde do sábado día 02 de xullo de 2022 da existencia de dúas bombas extraendo auga en dous puntos distintos do rio Limia e sete nas lagoas superficiais de Sandiás.
  • Convidan a todas as institucións a que se impoña un novo concepto: o de revitalizar os ríos e restaurar a súa saúde. Ademais instan a pescudar se teñen concesión de rega ou permisos para poder derivar a auga dos leitos en días de seca.
A guerra silenciosa da auga no río Limia

O río Limia, un verán máis, segue sendo vítima da sobreexplotación do seu caudal, por iso reclamamos medidas para protexer esta contorna que xa presenta afección aos espazos de interese natural presentes na zonas ZEC e a ZPP da ZEP. Compañeiras da asociación nunha saída de campo pola zona, observamos na tarde do sábado día 02 de xullo de 2022 dous puntos no río Limia onde había bombas de extracción funcionando (legal-ilegal?), sacando auga para usos agrícolas do río Limia, motores que ademais de contaminar o aire cos fumes que desprendían, vertían combustible ao río.

Chámanos poderosamente a atencion que algo tan evidente e á vista de todos non sexa perseguido e denunciado, están esgotando os nosos recursos e non pasa nada. A guerra silenciosa da auga: a cobiza das multinacionais xera serios problemas humanitarios. Leiteiras, productoras de soias, explotacions industriais e ata os grandes bancos seguen o seu cruento labor e provocan graves secas apesar das protestas populares que crecen. Unha batalla que se pronostica moi próxima na Limia, as patacas, as macrogranxas, o cambio climático, os xurros, imos sumando motivos.

A extracción de augas do río Limia está a producirse en época de restrición por mor da seca, non respectando o seu caudal ecolóxico ao seu paso por diferentes municipios (Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Porqueira, Bande, Muiños, Lobeira, Lobios, e Entrimo todos eles da provincia de Ourense). Así mesmo nas areeiras de Sandiás, explotación dedicada á extracción de áridos e nas súas pequenas lagoas parceladas que serven de hábitat para a flora e fauna da zona, puidéronse contabilizar ata un total de sete bombas extractoras distribuídas por diferentes localizacións na tarde do sábado 02 de xullo de 2022, funcionando, bombeando auga, con circuíto de tubaxes algunhas soterradas, dirixidas a usos agrícolas en leiras próximas, vimos como regan plantacións de patacas con estas auga. Cada quilo de pataca cústalle ao leito 85 litros de auga.

Os dereitos de aproveitamento de augas, as canles e acequias constitúen bens privados, nesta calidade, a lei protexe aos devanditos bens ante calquera extracción ilegal do recurso, como así mesmo, ante calquera alteración dos dispositivos, que permiten a súa distribución. O río Limia, é un río sen leito natural, presenta desecación, alteración dos ciclos hidrolóxicos, á que hai que engadir que nos últimos anos aumentou a demánda da auga (poboacións, cultivos e granxas industriais) que fan proliferar as actividades extractivas de auga (legais e ilegais?), afectando os leitos a medida que descende o nivel freático» e agravados polos numerosos incendios que se están producindo.

Desde Ecoloxistas en Acción de Ourense queremos pescudar se existe a concesión de rega ou poden derivar a auga dos leitos para a extracción dos recursos naturais. Solicitamos fagan saber á cidadanía, a contía en que valoran os danos causados ao dominio público hidráulico, e a contía estimada da sanción ou multa pecuniaria e esperamos que cesen de forma inmediata a rega.

É preciso que se fagan máis tarefas de limpezas, que acheguen máis caudal ao río e auga limpa evitando taponamentos en infraestruturas de paso, retirada de árbores tombadas, rozas selectivas, extracción de plantas exóticas invasoras. arrombar os noiros ou limpar de maleza algunhas das represas. etc…

Convidamos á reflexión a todas as institucións que é un momento necesario para que se impoña un novo concepto: o de revitalizar os ríos, que implica devolver os seus meandros, repoboar as súas ribeiras e mananciais, eliminar presas, eliminar especies exóticas de peces e repoboalos con especies autóctonas. finalmente, restaurar a saúde dos ríos, que é moi importante para a saúde humana.


medio ambiente /