Redacción •  Galicia •  15/03/2021

CIG, ELA e Intersindical demandan a grupos cataláns, galegos e vascos do Congreso a derrogación da reforma laboral

Teñen convocadas mobilizacións, nos respectivos países para o vindeiro día 25 de marzo.

CIG, ELA e Intersindical demandan a grupos cataláns, galegos e vascos do Congreso a derrogación da reforma laboral

Os secretarios xerais da CIG, Paulo Carril, ELA, Mitxel Lakuntza, e Intersindical, Sergi Perelló, mantiveron esta mañá unha xuntanza telemática cos representantes das forzas políticas de Euskal Herria, Galiza e Catalunya no Congreso, para trasladarlles a demanda conxunta de que se derrogue as reformas laboral e da negociación colectiva e se reforce a axenda social, diante da grave situación xerada pola pandemia e o empobrecemento xeneralizado da clase traballadora.

A xuntanza insírese na campaña impulsada polas centrais sindicais no marco da que, ademais, están convocadas mobilizacións para o vindeiro día 25 de marzo nos tres territorios.

Os representantes sindicais emprazaron aos representantes de ERC, JxCAT, PNV, EH Bildu, BNG e CUP a forzar, canto antes, os cambios legais necesarios para impedir que, unha vez se poña fin aos ERTEs, estes se convertan en ERES, ao se manter unha reforma laboral que facilita os despedimentos colectivos sen que as empresas precisen autorización administrativa algunha.

Xunto a isto trasladaron a necesidade de que se recoñeza o dereito a decidir nas respectivas nacións o modelo de relacións laborais, pensións e protección social para mellorar as condicións salariais e as condicións de traballo.

Neste sentido manifestaron o seu rexeitamento ao actual modelo de estatalización da negociación colectiva que, segundo denunciaron, ten provocado unha maior precarización e empobrecemento da clase traballadora, ao dar prioridade aos convenios estatais sobre os provinciais e deteriorar os convenios sectoriais e de empresa.

Por iso reclamaron que se remate cun modelo que afasta a negociación colectiva das e dos traballadores, mais que tamén impide a participación dos sindicatos que democraticamente os representan para pechar acordos sobre as condicións de traballo en calquera sector.

Carril, Lakuntza e Perelló demandaron unha axenda social para que, entre outras cuestións, se articule un sistema de protección social forte, unha fiscalidade progresiva e un tecido produtivo sostible con salarios e condicións laborais dignas.

Os secretarios xerais lembraron ademais que teñen solicitada desde hai dúas semanas unha entrevista coa Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para a que aínda non recibiron resposta algunha.


Reforma laboral /