Redacción •  Galicia •  14/01/2022

BNG exixe ao Goberno español avanzar na derrogación da reforma laboral do PP

  • Néstor Rego reclama a PSOE e Unidas Podemos que o Real Decreto Lei sexa tramitado como Proxecto de Lei para poder introducir mudanzas que recuperen dereitos para os traballadores e traballadoras.
  • A frente nacionalista demanda recuperar a indemnización de 45 días por despedimento, a autorización administrativa dos EREs ou a prevalencia dos convenios provinciais e autonómicos sobre os estatais e os de empresa.
BNG exixe ao Goberno español avanzar na derrogación da reforma laboral do PP

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, exixe aos partidos do Goberno que cumpran o compromiso de derrogar a reforma laboral do Partido Popular. Para iso, e frente á resistencia de PSOE e UP, considera imprescindíbel tramitar como proxecto de Lei o RDL 32/2021, de 28 de decembro, para poder modificar os aspectos máis lesivos da normativa de 2012 e avanzar na recuperación de dereitos para os traballadores e traballadoras.

Entre as mudanzas que o BNG considera necesarias e que non foron abordadas no Decreto do Goberno, están reverter as facilidades dos empresarios para o despedimento e recuperar a indemnización de 45 días e tope de 42 meses por despedimento improcedente frente aos 33 días e 24 meses que introduciu o Partido Popular. “As facilidades para despedir e o abaratamento do despedimento foi un dos elementos máis graves da reforma antisocial do Partido Popular do ano 2012, que motivou dúas folgas xerais, e que este Goberno non quere modificar. Ao BNG parécelle imprescindíbel facelo”, sinala Rego.

Tamén defende o BNG recuperar a autorización previa, por parte da autoridade laboral, para os despedimentos colectivos (EREs). Para o deputado nacionalista, isto daría máis capacidade de presión aos traballadores e traballadoras para melloraren as súas condicións laborais e evitaría moitos fechamentos de empresas por deslocalización da produción. “Que os empresarios poidan despedir libremente cando consideren non só prexudica os traballadores e traballadoras, tamén o desenvolvemento económico do noso País. Infelizmente temos casos recentes de fechamento de empresas na Galiza que levan a produción a outros países: Poligal, Siemens Gamesa ou Vestas, son claros exemplos disto”, salienta o deputado nacionalista.

Entende así mesmo o BNG que é preciso recuperar os salarios de tramitación por despedimento e a necesidade de acordo para a modificación dos convenios, eliminado a posibilidade de incumprimento ou mudanza das condicións estabelecidas por parte das empresas.

Aliás, a organización nacionalista defende que se debe eliminar a hipótese de que os convenios de empresa empeoren as condicións dos convenios sectoriais, non só nos salarios. “Nas modificacións acordadas mantense a prevalencia dos convenios de empresa e só se exceptúan os salarios, mais iso implica que poden peorar cuestións como os horarios e a distribución do tempo de traballo ou as medidas para favorecer a conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal, entre outras, e non é razoábel”, enfatiza Rego.

Ao mesmo tempo, tamén debe ser eliminada a prevalencia dos convenios estatais sobre os autonómicos ou provinciais. “Dar prioridade aos convenios estatais non só implica máis centralización senón, sobre todo, debilitar a capacidade de presión e negociación dos traballadores e traballadoras, afastando a negociación do seu ámbito e limitando a participación dos sindicatos máis combativos, como no caso da Galiza, a CIG, maioritaria no noso País”, subliña o deputado do BNG.

Rego destaca que, se os partidos do Goberno quixeren, existe unha maioría parlamentar para proceder a derrogar integramente a reforma laboral do Partido Popular. “Parece que PSOE e Podemos prefiren incumprir as súas promesas e compromisos para contentar os empresarios á custa dos dereitos dos traballadores e traballadoras. Chamamos a rectificar e a avanzar na recuperación de dereitos, e iso pasa por acceder a tramitar o RDL como proxecto de Lei e por acordar as mudanzas necesarias. Do contrario, o BNG non apoiará a convalidación deste decreto que decepciona as expectativas de avances reais xeradas e os compromisos estabelecidos”, advirte Néstor Rego.


reformas laborales /