Redacción •  Galicia •  13/06/2025

Traballadoras de residencias privadas visibilizan as súas reivindicacións na sexta xornada de folga por un convenio digno

O persoal mobilizouse na Coruña, Carballo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Vigo e Viveiro.

Traballadoras de residencias privadas visibilizan as súas reivindicacións na sexta xornada de folga por un convenio digno

Na sexta xornada de folga por un convenio digno, as traballadoras das residencias privadas de maiores e centros de días mobilizáronse en diferentes cidades e vilas do país para darlle visibilidade a unha loita que os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza pretende ocultar. Porén, as traballadoras non se renden e están dispostas a se  mobilizar até conseguir un convenio con salarios e condicións dignas.

Mais, lembran que a súa é tamén unha loita en defensa dun sistema de coidados público e de calidade, no que prime a atención ás persoas usuarias sobre o lucro das grandes empresas e os fondos de investimentos que controlan o sector.  

Por iso, rexeitan a política de privatización e mercantilización dos coidados da Xunta de Galiza que está na base da precariedade e a explotación laboral e instan o Goberno galego a asumir as súas responsabilidades na dignificación e valorización deste sector esencial, así como a mediar no conflito para desbloquear a negociación.

Hai que lembrar que a mesa leva sen reunirse dende o mes de outubro, despois de que as asembleas de traballadoras rexeitaran por amplísima maioría a última proposta patronal, xa que supuña manter os soldos por debaixo do SMI até 2027 e non contemplaba ningún avance na redución da xornada anual, nin melloras na compensación dos festivos ou na cobertura das baixas.

Na práctica, para estas traballadoras as subas do Salario Mínimo Interprofesional significan que se lles están absorbendo outros conceptos retributivos e complementos como a antigüidade, o pago de festivos, etc. Unha realidade que se dá mentres as empresas lles incrementan os custes ás persoas usuarias e fan boa parte do seu negocio a conta das prazas subvencionadas.

Ás precarias condicións do convenio colectivo súmase a excesiva carga de traballo que ten que realizar o persoal a causa dunhas ratios obsoletas que están sen actualizar dende 1996. De feito, como os cadros de persoal están tan axustados, a imposición dos servizos mínimos do 100% implica que nalgúns centros, durante as xornadas de folga hai máis persoas traballadoras que nun día ordinario.

Así as cousas, as traballadoras continuarán mobilizándose até que a patronal sente negociar un convenio decente e a CIG seguirá reclamando un sistema público galego de atención ás persoas que englobe todos os servizos, xestionado dende o público, con orzamentos suficientes, unha asistencia digna e no que o persoal deste sector altamente feminizado poida desenvolver o seu traballo en condicións dignas.

Nesta xornada, houbo manifestacións en Vigo dende a residencia DomusVi Fátima até o edificio administrativo da Xunta de Galiza e en Carballo dende a residencia DomusVi até a Praza do Concello; concentracións diante da residencia Betania de Viveiro e DomusVi de Pontevedra e Pereiro de Aguiar (Ourense).

En Ferrol houbo unha marcha reivindicativa dende o centro DomusVi na que as traballadoras portaron macacos que representaban os responsábeis patronais e políticos da súa situación e na Coruña desenvolveuse unha pequena actuación teatral para representar o proceso de entrega dunha das residencias construídas pola Fundación Amancio Ortega á Xunta de Galiza e que a administración galega, por sistema, privatiza, malia fachendear que son novos centros incorporados á rede pública.


residencias /