Redacción •  Galicia •  12/11/2020

Ecoloxistas en Acción agarda resposta institucional da Valedora do Pobo sobre o abandono das balsas mineiras de San Finx

María Dolores Fernández Galiño e o seu equipo seguen sen comunicar á entidade ecoloxista os resultados da súa investigación sobre as presuntas irregularidades ambientais do grupo mineiro denunciadas no verán.

Ecoloxistas en Acción agarda resposta institucional da Valedora do Pobo sobre o abandono das balsas mineiras de San Finx

O pasado mes de xullo, Ecoloxistas en Acción demandou do organismo a realización dos trámites oportunos para obter información ao respecto por parte da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, procedendo á investigación dos feitos e deslindando responsabilidades entre funcionarios, autoridades e administracións actuantes derivando ao ministerio fiscal as correspondentes denuncias no caso de ser pertinentes.

CUESTIONABLE ACTITUDE DA XUNTA

En resposta a sucesivos escritos de EEA e outras entidades sobre a adopción de medidas en relacións ás balsas de refugallo mineiro en San Finx, o departamento de minas da Xunta de Galicia afirmou en 2019 e 2020, en contra de todo criterio e a abundante documentación obrante nos expedientes mineiros, que a maior das presas non é unha instalación de residuos mineiros, se non que estaría demostrada “a concepción e uso hidroeléctrico da presa de formigón maior” segundo informe da Xunta de xaneiro de 2019, a pesar da inexistencia de central hidroelétrica algunha, e máis recentemente, que a presa de residuos mineiros que pecha un val cun dique de formigón de 50 metros de ancho e 12 metros de alto, con capacidade para aproximadamente 40.000 m3 de lodos, sería non unha instalación de residuos mineiros se non un represa para un muíño para moer millo situado augas abaixo, segundo informe de febreiro de 2020.

OCULTACIÓN SISTEMÁTICA DE INFORMACIÓN

Na “Resolución do 28 de decembro de 2009 de aprobación dos proxectos de explotación, de restauración e de mellora das instalacións de tratamento do Grupo Mineiro San Finx» o Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, suprimiu toda mención ao condicionante de presentar un estudo de impacto ambiental imposto pola Resolución firme do 30 de decembro de 2008, desaparecendo por completo toda mención ao condicionante do trámite ambiental e sen mediar ningún cambio lexislativo en relación á lexislación de impacto ambiental. significativamente, nos proxectos de explotación e restauración presentados e aprobados desapareceron igualmente por completo ambas as presas de residuos mineiros n.º 1 e n.º 2, e que constaban como tales no último Plan Anual de Labores presentado con anterioridade, en 2000. Deste xeito, a Administración procedeu á ocultación das presas de residuos mineiros existentes na explotación, de modo que nin o proxecto de explotación nin o plan de restauración contemplancalquera medida para o desmantelamento destas instalacións de residuos mineiros e a restauración do espazo natural afectado polas mesmas.

DANOS AO ECOSISTEMA MARIÑO

Ecoloxistas en Acción recorda que, alén da inaceptable actitude da Xunta «a rotura das ruinosas balsas de decantación ocasionaria un daño ao ecosistema mariño da ría de Muros que imposibilitaría o marisqueo durante décadas» e que «as diversas grietas nos paramentos das presas e a súa apariencia ruinosa non parece que garantan estabilidade estructural nin a corto plazo». Ademáis «se a actual propietaria nin a administración competente se fan cargo e ditas balsas pode producirse a rotura dos muros de contención, o que suporia que os sedimentos con alto contido en metais pesados chegaran ao mar a través do río das Pesqueiras, tributario do río Vilacoba que desemboca na ría de Muros», lugar onde miles de familias dependen da explotación dos recursos mariños.

«BANDEIRA NEGRA» POR CONTAMINACIÓN

Ecoloxistas en Acción xa incluiu ao complexo mineiro de San Finx no seu informe estatal «Banderas Negras 2017», en base ás verteduras con metais pesados tóxicos que se veñen a producir de forma continuada dende fai anos e tamén pola ameaza que supoñen ás balsas de residuos mineiros das que a concesionaria, filial de Sacyr, non quere facerse cargo. Por este motivo, o veleiro da organización «Deusa Maat», visotou a ría de Muros-Noia no 2019 para denunciar a inacción da Administración galega ente estes feitos, e por iso agarda a día de hoxe resposta institucional por parte da Valedora do Pobo, no uso das súas competencias e como organismo vinculado ao Parlamento de Galicia.

SAN FINX, UNHA ACTITUDE DE «CONIVENCIA E INACCIÓN E DEIXADEZ» POR PARTE DO GOBERNO GALEGO

O de San Finx foi un tema extensamente debatido na Cámara galega da man do portavoz nacional de Anova e entón deputado Antón Sánchez, que no 2019 acusou a Ángel Bernardo Tahoces de ser «unha peza fundamental no modus operandi da Xunta» en relación coa xestión dos sitios mineiros.

Para Sánchez, aínda que no caso de San Finx «fálase de conivencia, inacción e deixadez da Xunta ante as actividades contaminantes da empresa» non é, en realidade «máis que a punta do iceberg dunha práctica contínua do Goberno do PP de conivencia coas empresas que contaminan, de tapar esas actividades, de non cumprir a Lei e de poñerse do lado de esas poderosas compañías».

«Sexa en San Finx, en Santa Comba, en Touro ou en Valdeorras, vemos constantemente como non actúa a Administración para facer cumprir a Lei e que dunha vez por todas as actividades que existan no noso rural sexan respectuosas co medio ambiente e coa saúde das persoas«. Un modelo que, na opinión do responsable político, é o que Alberto Núñez Feijóo pretende implantar a nivel galego.


Alberto Núñez Feijóo /  Ángel Bernardo Tahoces /  Anova /  Antón Sánchez /  Dirección Xeral de Enerxía e Minas /  Ecoloxisstas en Acción /  María Dolores Fernández Galiño /  mina de San Finx /  mina de Touro /  mina de Varilongo /  Partido Popular /  pizarreiras de Valdeorras /  PP /  Valedor do Pobo /  Valedora do Pobo /  Valeduría do Pobo /  Xunta de Galicia /