A plataforma contra a macroplanta en Xunqueira ten abertos 31 puntos de recollida de alegacións ao proxecto
- Este sábado habilita una mesa informativa na feira de Xinzo de Limia para recoller escritos de oposición e organiza unha palestra en Allariz, pola tarde, para explicar os impactos que tería a instalación.

Macroplanta Biogás na Limia NON, a plataforma que organiza a oposición veciñal á instalación en Xunqueira de Ambía dunha industria de produción de combustíbel a partir de residuos, abriu 31 puntos de recollida de alegacións en 9 concellos contra o proxecto. E este próximo sábado, 13 de decembro, disporá unha mesa informativa na feira de Xinzo de Limia, no punto habitual entre as rúas San Roque e Toural de 10.30 e as 13.30 horas, na que tamén se recollerán escritos de alegacións.
Macroplanta Biogás na Limia NON iniciou a principios de mes a campaña de alegacións co apoio doutros colectivos ecoloxistas da Limia e do país dentro do segundo proceso de participación pública que a Administración Pública galega abre sobre o expediente da empresa ENCE solicitando a autorización para construír a macroplanta, e lembra que o prazo deste novo proceso participativo remata o 8 de xaneiro, mais é preciso recoller e rexistrar antes o groso das alegacións. Ademais, insiste: todas as veciñas e veciños que asinaron escritos de oposición no primeiro proceso -entre os meses de outubro e novembro- poden volver a facelo.
A plataforma está a recoller sinaturas tamén no Mercado da Biosfera de Allariz cada sábado, e este mesmo día 13 organizará unha palestra no no CS A Alvariça, en Allariz, ás 17.00 horas na que falarán Manuel García, do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia) e Daniel López Vispo, de ADEGA.
A plataforma lembra que ENCE pretende instalar esta macroplanta en parcelas lindeiras con Rede Natura, xunto á Zona de Especial Protección de Avifauna (ZEPA) da Limia, e a menos de quilómetro e medio de núcleos de poboación co conseguinte risco para a fauna e as augas e a saúde das persoas.
Entre os impactos do proxecto, o colectivo alerta dos cheiros que emiten este tipo de instalacións -que están a ser fortemente contestadas en diferentes lugares do Estado-, do enorme volume de residuos a tratar (166.000 toneladas/ano, di a promotora nos documentos a avaliación), das balsas de residuos a ceo aberto en plena ZEPA, dos verquidos ás augas nunha área inundábel, moi sensíbel (fai parte dun Ecosistema Dependente de Auga Subterránea) e nunha comarca de augas contaminadas por nitratos que ten pendente a declaración de Zona Vulnerábel. Neste punto, a plataforma subliña que a transformación de residuos procedentes da gandaría industrial, como reflicte a documentación presentada pola promotora, non acaba co problema dos nitratos e mesmo pode contribuír a agravalo.

