BNG acusa o PP de amparar o novo espolio dos Franco ao baleirar a Casa Cornide e dificultar a súa xestión como BIC
Mercedes Queixas lamenta que a Xunta non impedise aos herdeiros do ditador levar todos os bens materiais nunha nova burla á sociedade galega.

A deputada e portavoz de Cultura do BNG no Parlamento, Mercedes Queixas, acusa o Goberno do PP na Xunta de “amparar” coa súa inacción o “novo espolio” da familia Franco ao baleirar a Casa Cornide da Coruña e dificultar a súa xestión como Ben de Interese Cultural (BIC), o que supón unha “nova burla á democracia e á sociedade galega” por parte dos herdeiros do ditador.
Queixas lembra que este novo espolio quedou constatado esta mesma semana coa apertura ao público do inmoble para dar “por fin” cumprimento á Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, que obrigaba a telo aberto desde hai xa dous anos, cando foi declarado BIC. Coa primeira visita institucional, que tivo lugar o pasado 4 de agosto, puido comprobarse que no interior da Casa Cornide non quedan mobles nin outros bens materiais, facéndose realidade as advertencias da veciñanza, “que chegou a retratar fotograficamente furgonetas de mudanzas entrando e saíndo do edificio, co total amparo ou conivencia da Xunta”.
Os primeiros visitantes comprobaron así mesmo que a Casa Cornide é hoxe un espazo baleiro da memoria de José Cornide e que a súa construción interior foi “deturpada” respecto da orixinal. “A Casa Cornide é representación da Ilustración galega e, lamentablemente, convertérona tamén en representación do espolio franquista”, critica Queixas.
A deputada nacionalista pola Coruña denuncia ademais o “raquítico” réxime de visitas deste Ben de Interese Cultural, xa que os herdeiros do ditador só permiten o acceso de cinco persoas por quenda de visita dunha hora os luns de 9 a 13 h., o que explica que nesta altura xa resulte imposíbel dispor de cita até o mes de febreiro de 2026. Destaca, sobre esta cuestión, que a familia Franco leva incumprindo coa súa obriga de abrir o inmoble ao público desde o ano 2023.
É por todo isto que o BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento para reclamarlle explicacións ao Goberno de Rueda, ao que Queixas quere preguntar, entre outras cuestións, “se lle parece que está a garantir por parte da Familia Franco o dereito de acceso ao público á Casa Cornide” , se a Consellería de Cultura era coñecedora da situación na que se atopa o inmoble ou se chegou a realizar un inventario dos bens móbeis e materiais existentes no seu interior antes de que fose declarada BIC.
“De non ser así, por que razón non o fixo cando era ben consciente das actitudes históricas da familia Franco centradas na apropiación ilexítima e fraudulenta de bens patrimoniais colectivos?”, pregúntase Queixas.