Redacción •  Galicia •  10/09/2025

Esquerda Unida reitera a sua denuncia ante a actitude insolidaria da Xunta e o bloqueo do PP ante a necesaria acollida solidaria de menores migrantes

Esquerda Unida reitera a sua denuncia ante a actitude insolidaria da Xunta e o bloqueo do PP ante a necesaria acollida solidaria de menores migrantes

Lino Costas: “É intolerable que a Xunta de Galicia e o Partido Popular continúen bloqueando a aplicación do Real Decreto que regula a capacidade ordinaria de acollida solidaria de nenos, nenas e adolescentes migrantes non acompañados (NNANMAs), aprobado polo Consello de Ministras e Ministros”.
Esquerda Unida esixe á Xunta de Galicia que abandone esta actitude insolidaria, se sente a falar co Ministerio e realice os investimentos necesarios para garantir unha acollida digna, planificada e segura para todos os nenos, nenas e adolescentes migrantes.

No día de onte, Lino Costas, coordinador nacional de Esquerda Unida, xunto a Chus Rodríquez, responsable de Política Institucional, mantiveron unha xuntanza coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG).

Na mesma, as representantes de EU e da Plataforma abordaron cuestións como a sobreocupación e o colapso do sistema de protección, feito xa recoñecido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen asumiu que na actualidade “non hai prazas de acollida”.

Para Esquerda Unida, “isto é a proba de que o sistema debe ampliarse de inmediato – sinala Lino Costas. – Tal e como xa advertimos, a integración masiva sen planificación previa pode poñer en risco o modelo de protección actual. Se hoxe o sistema está colapsado, é porque a Xunta non fixo os deberes a tempo”.

Esquerda Unida únese ás demandas da Plataforma en canto á necesidade da creación dunha mesa intersectorial para planificar e deseñar a acollida destes nenos e nenas migrantes e garantir a protección dos seus dereitos. Neste sentido, urxe que a Xunta se sente coa FEGAMP para coordinar os recursos precisos nos Concellos para dar a necesaria cobertura das necesidades da infancia, conxugándoas tamén coas da propia contorna.

Igualmente, entre as conclusións ás que se chegou na xuntanza, o coordinador destacou “a falta de planificación, que traerá consigo urxencias, emerxencias, contratos precarios e máis externalización aceptando en moitas ocasións condicións improvisadas pola présa da Xunta”.

Pola súa banda, Chus Rodriguez apunta a necesidade de estudar a problemática en orixe (Canarias, Ceuta, Melilla) e favorecer o intercambio de información entre centros de saída e de destino. “O obxectivo debe ser claro: que os menores vaian a territorios onde existan recursos, e que eses recursos se creen alí onde se prevé a súa chegada. Precísase ademais máis dotación de persoal nos equipos técnicos de menores. Mais a Xunta – matiza Rodríguez – prefire mirar cara outro lado”.

“A situación que agora vai chegar ‘ás présas’, podería terse previsto – explica Chus Rodriguez-, deseñado e programado hai máis dun ano, mais para iso era necesario odiálogo real entre a Conselleira de Política Social e o Ministerio de Infancia”.

Esquerda Unida considera que a actitude do PP non responde a unha defensa do sistema, “senón ás esixencias racistas de Vox, que leva meses pedindo boicotear a acollida solidaria. A dereita galega asume sen pudor este discurso, sen presentar alternativa algunha, e bloqueando calquera avance. Mentres tanto, Canarias, Ceuta e Melilla seguen soportando unha presión insostible” conclue o Coordinador Nacional, Lino Costas.


inmigrantes /