Traballadoras das tendas de Inditex na Coruña mobilízanse contra o recorte de dereitos consolidados
- Denuncian a centralización das relacións laborais e a nova política de non substitución de persoal.

Dependentas de Inditex concentráronse este venres en resposta á pretensión da multinacional de recortar aos poucos os dereitos que o persoal das tendas da provincia da Coruña ten consolidados dende hai anos. A protesta desenvolveuse no estabelecemento que a cadea Zara ten na rúa Juan Flórez da Coruña, aproveitando os actos de conmemoración do 50 aniversario da súa apertura.
“Estamos moi contentas de ser partícipes dos éxitos desta gran compañía, pero non pode ser a conta de recortar os nosos dereitos”, valoraba Lucía Domínguez, delegada da CIG, durante a protesta. A representante da CIG explicou que a empresa comunicou abertamente que vai restrinxir ao máximo a utilización dos permisos e devolucións de horas; que vai comezar a denegar “o que nunca se denegou” e que vai endurecer as condicións das licencias e demais medidas de flexibilidade horaria que as traballadoras conseguiron a través da loita.
Para as delegadas e delegados da CIG nas tendas, esta decisión supón un paso máis no proceso de centralización das relacións laborais iniciado por Inditex tras a mobilización de 2022, que derivou no histórico acordo de incremento salarial. Domínguez advertiu que o que busca a multinacional é deixar sen capacidade de acción aos comités provinciais a través dos que se foron negociando e conseguindo importantes melloras laborais e salariais, e minimizar a representación que maioritariamente as dependentas da Coruña deron á CIG.
Criticou que malia existir un acordo para retomar a mesa de negociación provincial, toda aquelas materias laborais e sociais que ficaran pendentes hai tres anos permanecen estancadas porque a empresa alega que xa se están tratando noutros ámbitos de negociación estatal. Unha estratexia para trasladar as relacións laborais lonxe das traballadoras da Coruña que considerou unha especie de castigo de Inditex “xa que foi aquí onde comezamos a loita para gañar unhas reivindicacións que despois a empresa tivo que estender ao resto do Estado”.
Este endurecemento nos criterios de acceso aos dereitos recollidos nos diferentes acordos asinados a nivel provincial e acudir ás interpretacións máis restritivas destes para denegar permisos e licencias afecta ao persoal de todas as cadeas, sinalou Domínguez.
Pero este recorte non pode desligarse do anuncio de Inditex de non facer nova contratación na provincia da Coruña “porque di que lle supón moito gasto pagarlle ás persoas contratadas por ETT como lles paga ás súas propias traballadoras”, dereito que, hai que salientar, estabelece a lexislación laboral.
Esta nova política de non substitucións implica un importante aumento da carga de traballo que teñen que asumir as traballadoras e un aumento da exposición a riscos laborais, pero tamén afecta á clientela “que paulatinamente se irán atopando con tendas nas que non haxa case dependentas porque non se cobren as baixas nin as vacacións”.
A representación da CIG advirte que non vai consentir un recorte nos dereitos nin o incumprimento dos acordos provinciais que tanto esforzo lles custou conquistar ás traballadoras das tendas, nin tampouco que se deixe sen efecto á negociación colectiva máis próxima en aras dunha centralización que xa evidenciou “que non supón ningún avance na mellora das nosas condicións”.