Redacción •  Galicia •  08/11/2025

O comité da fábrica de ENCE en Pontevedra convoca 12 días de folga contra 39 despidos

  • Os paros de 24 horas comezan este sábado 8 e continuarán os próximos días 12, 15, 18, 19, 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de novembro.
O comité da fábrica de ENCE en Pontevedra convoca 12 días de folga contra 39 despidos

O comité de empresa da fábrica de ENCE en Pontevedra anunciou hoxe en rolda de prensa a convocatoria de 12 xornadas de folga para rexeitar os 39 despedimentos que pretende executar a empresa no marco do “plan de competitividade” que provocou tamén a clausura do departamento médico e a eliminación de catro postos no servizo de limpeza.

Os paros de 24 horas darán comezo este sábado 8 e continuarán os vindeiros días 12, 15, 18, 19, 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de novembro. A asemblea de persoas traballadoras celebrada onte amosou o seu total apoio a este calendario de mobilizacións en resposta á “guerra aberta” pola dirección da pasteira contra o seu cadro de persoal.

Dende a representación sindical denuncian que este suposto “plan de competitividade” posto en marcha pola compañía en 2024 baséase unicamente en recortes de persoal e non en melloras tecnolóxicas, automatizacións ou optimización de procesos, polo que queren deixar moi claro que farán todo o que estea na súa man para garantir o mantemento de todos os postos de traballo fronte a esta “chantaxe directa” da empresa, “xa que pretende que asinemos un despedimento colectivo fóra das canles legais a cambio de novas falsas promesas de investimentos”.

Neste contexto, ENCE leva executando nos últimos meses recortes de servizos auxiliares e despidos de persoal auxiliar, como o departamento médico da fábrica (catro despidos) ou o servizo de limpeza (outros catro despidos). Nun proceso no que a empresa nunca amosou vontade de diálogo ou boa fe nin achegou información, “pretendendo unicamente que lles asinemos un cheque en branco cos despidos como condición irrenunciable”.

Estes movementos da empresa, e as recentes visitas de directivos de Altri ás plantas de ENCE de Pontevedra e Navia, fan sospeitar a representación sindical da existencia dun pacto de venta “previa redución do cadro de persoal, rumor que se disparou tras anunciar a compañía un acordo de colaboración con Altri”.

Ameazas e coaccións da empresa

Ao mesmo tempo, consideran que ENCE “traspasou todos os límites” ao longo deste mes de contactos ao trasladarlle á representación sindical que se convoca folga non haberá investimentos, “chegando a dicirnos que a unha empresa coma esta non lle tumba o ERE ninguén, o que representa como mínimo unha burla á Inspección de Traballo, aos sindicatos e mesmo ao Xulgado do Social”. E ameazando incluso co peche da fábrica: “Ou aceptamos pacificamente os 40 despidos ou din que igual son 282, en referencia á totalidade do persoal”.

Así como tamén se amosu disposta a denunciar a folga por considerala ilegal, e fixou uns servizos mínimos abusivos de máis do 100%, “ademais de mesmo insinuar a posibilidade de levar a cabo un peche patronal, o que é unha vulneración flagrante do dereito de folga”.

Por todo isto, a representación sindical levou a cabo unha serie de xestións diante da Consellaría de Emprego e da Inspección de Traballo e mantivo xuntanzas con distintos grupos parlamentarios. “Esiximos a implicación das administracións públicas, en especial da Xunta, que aceptou no seu día os compromisos da empresa”, rematan.


huelga /