Laza une a resistencia contra a invasión das montañas de Ourense
- Plataformas en defensa do territorio exixirán a paralización inmediata de todos os proxectos eólicos en trámite, no marco dunha xornada de mobilización en toda Galiza.
As plataformas Salvemos O Támega-Adega Monterrei, Salvemos as Montañas de Trevinca, Stop Eólicos Xurés-Celanova e Stop Parques Eólicos en Chandrexa de Queixa, co apoio de colectivos ecoloxistas Amigas das Árbores, Amigos da Terra, Amigos das Cegoñas, Ecoloxistas en Acción, Movemento Ecoloxista da Lima, e do Sindicato Labrego Galego e o CSA Cambalhota de Allariz convocan á veciñanza de Ourense á mobilizarse contra a invasión eólica destas comarcas este sábado en Laza (praza da Picota, 16:00 horas).
A mobilización fai parte dunha xornada de protesta en toda Galiza, onde están convocadas outras 21 concentracións ou marchas en defensa do territorio baixo o lema “Na defensa das montañas” impulsadas pola Coordinadora Eólicas Así Non, que reúne a 170 entidades e asociacións de activistas de todo o país.
En Ourense, tamén está prevista outra concentración, en Castro Caldelas, ás once horas do sábado.
Durante a concentración en LAZA darase lectura a un manifesto que resume as demandas do movemento galego contra a invasión eólica e no que se pide a paralización inmediata de todos os proxectos en tramitación (tanto a nivel estatal como autonómico) que afectan estas comarcas de Monterrei, A Limia, Baixa Limia, Terras de Celanova, Ourense, Allariz-Maceda, Terras de Caldelas e Terras de Trives, así como outros proxectos de centrais eólicas ou liñas de alta tensión que afectan parcialmente a comarcas lindeiras con Lugo e Pontevedra.
Segundo as estimacións dos colectivos convocantes, a ameaza eólica que pesa sobre a provincia de Ourense resúmese en 44 novos polígonos de explotación eólica con 469 novos aeroxeradores que afectan total ou parcialmente a territorio destas comarcas. É dicir, o número de centrais e de aeroxeradores xa existentes multiplicaríase por dous.
Os colectivos chaman ademais a atención sobre que as novas máquinas son cen metros máis altas que as actuais, cos conseguinte agravamento dos impactos medio ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e para a saúde humana.
Tamén advirten do engrosamento da privatización do territorio e dos recursos enerxéticos, nun espolio que lideran compañías como Iberdrola, Greenalia, Green Capital, Statkraft ou Bay Wa.
“Todas as grandes montañas desta parte do país serán colonizadas polos polígonos eólicos e todos os nosos espazos naturais protexidos ficarán rodeados”, alerta o manifesto para mostrar a preocupación dos colectivos ambientalistas pola viraxe nas políticas públicas de conservación do territorio que parecen encamiñadas a renunciar a ampliación da Rede Natura e doutras figuras de protección , cedendo aos intereses das grandes corporacións enerxéticas.