Redacción •  Galicia •  07/10/2025

Máis de 80.000 persoas toman Compostela para rexeitar o xenocidio e a ocupación de Palestina

O pobo galego fixo historia coa manifestación solidaria máis numerosa en apoio da causa palestina.

Máis de 80.000 persoas toman Compostela para rexeitar o xenocidio e a ocupación de Palestina

Máis de 80.000 persoas tomaron hoxe as rúas de Santiago de Compostela para rexeitar o xenocidio e a ocupación de Palestina nunha xornada na que o pobo galego protagonizou a manifestación solidaria máis numerosa en apoio da causa palestina da historia do noso país. A manifestación, convocada pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina baixo o lema ‘Galiza con Palestina, 2 anos de xenocidio, 77 de ocupación’, rematou nunha praza do Obradoiro totalmente ateigada ao berro de “Dende o río até o mar, Palestina vencerá”, “O terrorismo é o sionismo” ou “Netanyahu asasino”.

A marcha arrincou ao mediodía da Alameda e ao seu paso foi sumando máis e máis persoas até colapsar o centro da cidade. Xa no Obradoiro, representantes da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina citaron un por un os máis de 200 colectivos sociais, culturais, políticos e sindicais, entre eles a CIG, que apoiaron a mobilización, para a continuación dar lectura a un comunicado no que se salienta o feito de que “Galiza que leva dous anos mobilizada en cada comarca do país, dicindo convocatoria tras convocatoria que Israel é inimigo da humanidade toda e que Palestina ten dereito á paz, á vida e a se defender e resistir”.

Tamén se fai un repaso do acontecido até o de agora na Franxa de Gaza “para entender a perversa lóxica” deste xenocidio: “Comezaron chamándose vítimas a si mesmos e terroristas ao pobo agredido que se resiste á ocupación e á desaparición. E mentres o facían, co armanento e bombas xenerosamente surtidas polas sucesivas admnistracións norteamericanas, e coa complicidade indisimulada dos gobernos occidentais, bombardeaban a poboación civil para espallar o pánico e forzar o seu deslocamento”.

“Despois destruíron todos os hospitais e clínicas para que Gaza non puidese curar as súas feridas. As cifras e a magnitude das lesións e mutilacións son indescritíbeis. A continuación destruíron universidades e escolas, e centros cívicos e templos para que ninguén puidese refuxiarse ou porse a salvo. Fartáronse de matar xornalistas e quen contase ao mundo a realidade deste pesadelo que menteñen oculto á prensa internacional. Atacaron a UNRWA e misións humanitarias até eliminar incómodas testemuñas estranxeiras”.

“Despois arrasaron mercados, padarías, cultivos e infraestruturas civís básicas para disparar a fame e as enfermidades, ao tempo que fechaban as portas do muro que rodea Gaza para impedir a entrada de insumos e calquera tipo de axuda humanitaria. Coa fame e a desesperación usadas como armas de guerra, e coa propia axuda humanitaria podrecendo durante meses no paso de Rafah, usaron as filas que se formaban para conseguir alimento como campo de tiro”.

“E, mentres tanto, acusaron calquera que os criticase de antisemita e terrorista, atacaron directamente as flotillas e outras accións solidarias e forzaron os seus aliados e apoiantes a criminalizar a solidariedade organizada por todo o mundo, desde os países que prohibiron as kufiyas até os que nos acusaron de terroristas por pararmos etapas de La Vuelta e por nos negarmos a normalizar o branqueamento do sionismo a través do deporte e da cultura”.

“Este é o rostro de Israel. O rostro noxento e deformado do imperialismo que o sostén. Hoxe Gaza é, na súa práctica totalidade, un ermo de ruínas e cráteres deixados polas bombas de Israel. Mais tamén é o fogar dun pobo que se resiste a desaparecer e que loita pola vida e polos seus dereitos. O fogar minguado dun pobo que se nega a ser varrido polo colonialismo e a entregar a súa terra, a súa cultura e a súa historia de digna resistencia”.

No texto incídese en que acabar co xenocidio é o máis urxente. “A entrada da axuda humanitaria e a reconstrución son perentorias. Pero co fin desta fase e dos seus horrores non desaparecerá o pesadelo da ocupación, e non pode cesar a nosa acción de denuncia e repulsa, nen as nosas exixencias á comunidade internacional e aos nosos gobernos. Porque hai que dicilo claramente: o xenocidio en Gaza non é senón unha fase do xenocidio en cámara lenta da ocupación”.

“Nos últimos 77 anos, Israel ten usurpado día a día, todos os días, anacos da Palestina, até convertela nun arquipélago de enclaves desconexos e inviábeis nos que a vida de cada palestina e de cada palestino carga cos crimes dos colonos, coa miseria, coa segregación e con todas as humillacións imaxinábeis. Nos últimos 77 anos Israel ten instalado un rexime de apartheid incontornábel, apoiado en decidir quen é terrorista e quen non o é en base á cor da súa pel e á lingua que fala. Nos últimos 77 anos millares de palestinas e palestinos teñen sido detidos, frecuentemente sen acusación formal ningunha, e metidos en cárceres durante décadas. Familias enteiras teñen sido desmembradas. Millóns de persoas teñen sido expulsadas das súas casas para facer sitio a un estado artificial inzado de colonos europeos e norteamericanos, até converter a diáspora palestina nunha das máis grandes do mundo. Hoxe mesmo hai máis de 11mil presos e presas nos cárceres sionistas. E moitos outros teñen sido desaparecidos ou asasinados a sangue frío nas rúas e nas prazas por toda a Palestina ocupada”.

Ao tempo que se advirte que o gran perigo para a causa da Palestina é que a xente se esqueza dela cando o xenocidio remate. “O pobo galego ten estado historicamente do lado certo da historia, que é o lado da Palestina. A mobilización social que correu por todo o país durante 24 meses non se pode deixar enganar nen admitir que a eliminación física da Palestina continúe só porque se faga de maneira máis lenta. Como aconteceu no seu día co apartheid na África do Sur, os pobos do mundo, tamén o noso, deben pór en cuestión a viabilidade dun estado supremacista, racista e terrorista como Israel, que demostrou ser un perigo para toda a humanidade. E deben -debemos- continuar a premer quen nos goberna para boicotar Israel, desinvestir nel, sancionar os seus dirixentes e quen se lucra nel, isolalo e impedir que se normalice a súa presenza en calquera ámbito internacional, nacional ou local”.

Finalmente, enuméranse os principais obxectivos e reivindicacións que motivaron a protesta:

-Denunciar as criminais accións militares iniciadas o 7 de outubro de 2023 polo Estado sionista de Israel, principalmente na Faixa de Gaza, mais tamén no resto dos territorios ocupados da Palestina. Coa mesma rotundidade denunciamos o crime da ocupación ilegal de terras e desprazamento forzoso da poboación palestina que dá orixe mesma ao Estado de Israel.

-Exixir un cesar fogo inmediato que implique a retirada das tropas israelitas despregadas na Faixa de Gaza, e a inmediata abertura de corredores seguros para a axuda humanitaria.

-Exixir unha investigación exhaustiva do xenocidio e dos crimes contra a humanidade cometidos por Israel e o resto de responsábeis directos que permitiron e colaboraron nesta barbaridade.

-Condenar a complicidade da Unión Europea e dos seus membros cos intereses do sionismo, e manifestamos a nosa repulsa polo feito de que, tras dous anos de xenocidio, as lideranzas europeas só recentemente comezasen a rexeitar a inhumanidade de Israel de maneira tan morna e aínda sen efectos prácticos.

-Exixir da Unión Europea a revocación das relacións preferentes con Israel. Todos os acordos bilaterais deben ser cancelados inmediatamente.

-Exixir do Estado español que, máis alá das palabras, efectivice a ruptura de relacións diplomáticas, comerciais e militares cos xenocidas, e aposte de maneira decidida por dotar o recoñecemento do Estado Palestino de implicacións prácticas e inmediatas.

-Exixir da Xunta de Galiza que deixe de se pór de perfil e tome postura clara na defensa da legalidade internacional, e que cancele todas as relacións bilaterais que mantén, ás agachadas, cos xenocidas.

-Exixir a aplicación do dereito internacional, en particular a aplicación do dereito de autodeterminación dos pobos, en toda a Palestina, do río Xordán ao mar Mediterráneo, garantindo o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas. Urxe parar o xenocidio, mais tamén impedir que Israel poida continuar a roubar terras, desprazar poboación local, aplicar estruturas sociais de apartheid e hostigar todo un pobo.

O manifesto remata deixando moi claro que mentres iso non suceda, “en Galiza non imos faltar ao noso compromiso: nunca deixar de falar da Palestina e nunca deixar de reivindicar o seu dereito a unha vida en paz e a un futuro libre e soberano”.


Palestina /