Anova denuncia o espolio eólico que está a sufrir a Costa da Morte e reclama protección institucional para as comunidades afectadas
A formación política afirma que a situación que atravesan zonas coma os Penedos de Traba ou o Monte das Salgueiras son a punta de lanza dunha problemática que pode ter graves consecuencias a futuro para o desenvolvemento desta zona do litoral galego.
Anova considera que «non se pode permitir» a duplicación do número de parques eólicos na Costa da Morte «sen unha avaliación conxunta dos seus efectos» e a súa incidencia en sectores «dos que depende o seu futuro».
Así, recordan que aínda que actualmente hai 24 parques eólicos en funcionamento que superan en conxunto os 200 MW de potencia total instalada neste momento outros 25 proxectos atópanse en diferentes fases de tramitación o que converte a esta comarca «na máis ameazada dun país que sofre unha avalancha eólica sen precedentes».
O grupo político denuncia que a implantación destes proxectos «terán efectos ambientais, paisaxísticos e territoriais evidentes» e que se están a tramitar «sen facer unha avaliación conxunta dos seus efectos a curto, medio e longo prazo» e «sen inserilos nunha planificación pública dun desenvolvemento sostible da comarca que teña en conta a compatiblidade desta invasión con sectores fundamentais como son o sector primario ou o turismo».
O GOBERNO DE ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO COMO RESPONSABLE DA DESFEITA
Anova considera que os impactos no territorio destes 25 proxectos «veñen dados polo modelo eólico imposto dende a Xunta de Galicia sen participación veciñal» e «cunha normativa obsoleta e feita a medida» dos intereses das eléctricas e das grandes corporacións do ámbito enerxético.
A formación recorda que «a gran maioría dos parques ubícanse en lugares de alto valor ambiental paisaxístico ou nas súas inmediacións, como os que que están a proxectar no Monte das Salgueiras, en Ponteceso, ou na Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, entre Vimianzo e Laxe. E todo sen que se teña levado a cabo a prometida ampliación do Goberno galego da Rede Natura 2000, demandada dende hai anos por Europa.
Por este motivo, Anova esixe á Xunta de Galicia a paralización inmediata das tramitacións e que o Goberno galego «adopte unha visión comarcal na implantación de renovables». Asemade, reclama aos concellos «que esixan esta planificación imprescindible para o futuro e a paralización inmediata das tramitacións para que non se produzan efectos irreversibles» como aconteceu por exemplo no caso do parque eólico Mouriños, de Naturgy, que na Serra do Gontón, en Cabana de Bergantiños, provocou unha afección irreparable sobre lugares de alto valor paisaxístico.
NECESARIO CAMBIO DE CRITERIO DO GOBERNO DO ESTADO
Anova tamén considera que aínda que o Goberno de Feijóo «leva anos traballando para beneficiar ás eléctricas», semella que o Goberno estañol non está a apostar por un modelo alternativo ao permitir a tramitación de 5 parques eólicos na Costa da Morte de máis de 50 MW, razón pola que tamén esixe a paralización dos procedementos que xestiona «si realmente quere apostar pola sostenibilidade na zona».
Anova valora, finalmente, que «non se pode obviar a historia de esquecemento das Administracións con respecto ao desenvolvemento económico da comarca», que históricamente foi utilizada «para o espolio dos seus recursos naturais».
“Si o goberno galego tivera dedicado unha pequena parte do esforzo que se ten feito para deseñar este atraco aos recursos naturais, en fortalecer un desenvolvemento económico local, os datos do desemprego, de renda dispoñible ou demográficos da comarca serían outros dos que se utilizan para defender a instalación de proxectos de economía extractivista, que non fixeron máis que agravar a situación”, manifestou o voceiro nacional de Anova Antón Sánchez.
Porque para o responsable político, non existiu «nin un plan de desenvolvemento económico, nin medidas para fixar poboación, nin conexión ferroviaria» pois según denuncia «a única política do Goberno galego coa Costa da Morte é subastar as súas riquezas naturais».
O voceiro de Anova manifesta que “a Costa da Morte precisa de políticas pensadas para o desenvolvemento económico endóxeno, que xere emprego local e que non hipoteque o seu futuro coas agresións ambientais e da paisaxe e contar cun modelo eólico máis xusto e participativo, onde o autoconsumo e a producción a pequena escala sexan principios básicos, a xestión. A invasión eólica en mans de fondos voitre, bancos, constructoras e eléctricas é xusto o contrario.Impactos a cambio de pouco emprego e poucos beneficios.”
Por iso considera como imprescindible «a paralización desta avalancha de proxectos para que, entre as administracións e poboación local se poida planificar un futuro en función do interese público da Costa da Morte e non do interese da porta xiratoria do PP».