Redacción •  Galicia •  06/06/2025

Esquerda Unida ante as declaracións do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez

  • Lino Vila: “A educación ten que ser crítica ou non é educación. A liberdade de expresión, as liberdades políticas e de manifestación son dereitos humanos fundamentais. A propia lei defende o espírito crítico, a capacidade da análise e a responsabilidade cívica, como obxectivos das diferentes etapas”.
Esquerda Unida ante as declaracións do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez

Compostela, 6 de xuño do 2025.

Esquerda Unida considera que a obriga dos centros de presentar a principio de curso as actividades complementarias “pode ser utilizado para quitar aos docentes a liberdade de cátedra e mesmo impedir accións de manifestación de solidariedade en momentos puntuais – sinala Lino Vila, Coordinador Nacional da formación. – Por moito que diga que se contemplan excepcionalidades xustificadas, estaría garantido, por exemplo, actividades de solidariedade con Palestina? Ou de rexeitamento a Altri?”. Neste sentido, Vila sinala que o que se está dando a entender por parte do Conselleiro e que o alumnado “non se poderá manifestar cando ocorre un xenocidio, ou mesmo cando asasinan a unha compañeira”.

Nos centros educativos xa existen regulamentos orgánicos, consellos escolares e ANPAS, diferentes órganos de participación de toda a comunidade educativa, de forma democrática. “Estes medios xa son suficientes para dirixir as actividades dos centros sen necesidade de que interveña a consellería directamente” engade o Coordinador Nacional, que se pregunta “de que xeito casa esa obriga co exercicio do respecto á diversidade e o fomento do espírito crítico contemplados na LOMLOE. Non se pode considerar ideolóxica unha formación transversal do curriculum, como o feminismo ou a ecoloxía”.

Pola contra, dende Esquerda Unida cuestiónase o papel da materia de Relixión nos centros públicos. “É hipócrita falar de neutralidade ideolóxica mentres se mantén coma materia puntuable a Relixión. Impartida, ademais , por profesorado elixido polo bispado pero pagado con fondos públicos, introducindo nos centros escolares, non soamente un elemento puramente ideolóxico, se non propio do pensamento máxico ou esotérico – matiza Lino Vila. – Semella que coa relixión non hai posibilidade de contradición ideolóxica ningunha, xa que continúa a impartirse incluso no Bacharelato”.

Igualmente, para EU resulta canto menos “chamativo” que o Conselleiro afirme que esas “preocupacións que lle chegan” sexan por parte do profesorado, cando non mantivo

ningún tipo de diálogo coa representación legal dos traballadores e traballadoras do ensino público, “con quen si que tiña que terse reunido” sinala Lino Vila. “Debe dicir claramente que quere dicir con esas preocupacións e de onde veñen” engade.

 “En lugar de exercer de policía política, a Inspección debe adicarse ao importante, que é a calidade do ensino, o dotar dunha adecuada atención ao alumnado nos centros, cuestións que vai en picado e con problemas sociais engadidos, como o deterioro da saúde mental” remata Lino Vila, Coordinador Nacional de Esquerda Unida.


Esquerda Unida /