Redacción •  Galicia •  06/02/2026

Ana Pontón propón que se poña a disposición da veciñanza todas as vivenda públicas que a Xunta ten pechadas en Caranza

“É un auténtico disparate que haxa vivenda pública pechada nunha cidade onde moitas persoas non poden pagar un aluguer”, denuncia.

Pide ao Goberno do PP que negocie con Defensa a cesión das vivendas que ten en desuso para poñelas en alugueiro.

Ana Pontón propón que se poña a disposición da veciñanza todas as vivenda públicas que a Xunta ten pechadas en Caranza

La portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo en Ferrol que se poña a disposición da veciñanza todas as vivendas públicas que a Xunta ten pechadas no barrio de Caranza e cualificou de “auténtico disparate” e “unha irresponsabilidade” por parte do Goberno do PP que manteña pechados uns pisos que poderían ser unha solución para moitas persoas que non poden pagar un alugueiro.

Pontón exemplificou nestas vivendas até que punto o Executivo de Alfonso Rueda “non ten política de vivenda”, nun momento ademais no que hai unha crise moi importante para poder acceder a un inmoble no que vivir e que provocou o propio PP nos seus 17 anos de goberno “dinamitando a política social de vivenda”.

Así o denunciou no propio barrio de Caranza, onde estivo acompañada polo portavoz municipal, Iván Rivas, e os deputados Ramón Fernández e Xosé Manuel Golpe, e onde a líder nacionalista denunciou tamén a situación de deterioro na que se atopan moitos dos pisos que o IGVS ten en propiedade e están en réxime de alugueiro.  

“A Xunta se está comportando como unha especie de caseiro cutre e nin tan sequera é capaz de actuar e manter en bo estado os pisos que son da súa propiedade”, criticou para defender a continuación as propostas do BNG no ámbito da vivenda.   

A comezar porque o Goberno de Rueda poña a disposición dos veciños e veciñas de Ferrol todas as vivendas que mantén baleiras, ducias no barrio de Caranza, e o faga “nunhas condicións que sexan dignas”.

En segundo lugar, avogou por que o Executivo incremente o parque público de vivenda exercendo o seu dereito de tanteo e retracto sobre toda a vivenda protexida que se poña á venda, co fin de destinala a alugueiro.

A portavoz nacional emprazou tamén á Xunta a acondicionar adecuadamente as vivendas que son da súa propiedade e están ocupadas para garantir aos veciños e veciñas que os seus inmobles estean nun bo estado de conservación.

Por último, avogou por que o Goberno do PP impulse un acordo co Ministerio de Defensa para poñer a disposición da veciñanza a prezos accesibles as vivendas que Defensa ten en desuso.

Ante un problema tan grave no acceso á vivenda, Pontón criticou a “moita propaganda e poucos feitos” do Executivo de Rueda, mentres “miles de persoas non poden adquirir unha vivenda e nin tan sequera se poden permitir o luxo de acceder a unha en réxime de alugueiro”.

Neste sentido, recordou que, segundo algunhas informacións, Galiza ten o récord do Estado de parellas que teñen que seguir vivindo cos seus pais porque non poden pagarse un alugueiro.

“Ante unha situación dramática é un auténtico disparate e unha irresponsabilidade por parte da Xunta que teña vivenda construída que non pon a disposición da xente que o necesita, no conxunto do País e particularmente aquí en Ferrol”, concluíu.


BNG /