Redacción •  Galicia •  05/12/2025

Ecoloxistas en Acción denuncia altos cargos da Xunta por unha mina ilegal na Gudiña

  • Ecoloxistas en Acción iniciou accións xudiciais contra o director xeral de planificación enerxética e minas, a directora xeral de calidade ambiental e sostibilidade e o administrador da empresa sueca Eurobattery Minerals.
  • A denuncia por presuntos delitos de prevaricación, desobediencia e delitos contra o medio ambiente é consecuencia da prórroga ilegal concedida a unha mina de volframio en Ourense.
  • O Movimento Uivo en Portugal, coordinado con Ecoloxistas en Acción, tamén denunciou ás autoridades portuguesas a ausencia de avaliación de impactos transfronteirizos e a ameaza sobre o Parque Natural de Montesinho.
Ecoloxistas en Acción denuncia altos cargos da Xunta por unha mina ilegal na Gudiña

Ecoloxistas en Acción ven de presentar denuncia penal contra dous altos cargos da Xunta e o administrador da empresa sueca Eurobattery Minerals por presuntos delitos de prevaricación, desobediencia e delitos contra o medio ambiente logo de que a semana pasada se anunciase unha prórroga ilegal de 30 anos para a concesión mineira “San Juan”, na Gudiña (Ourense).

A denuncia céntrase nas actuacións de Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Consellería de Economía e Industria, María José Echevarría Moreno, directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e Roberto García Martínez administrador de Eurobattery Minerals e a súa filial ourensá Tungsten San Juan S.L.

A organización ecoloxista lembra que pesan sobre este proxecto mineiro dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo establecendo que calquera prórroga tiña que ser sometida a unha nova avaliación de impacto ambiental. Ademais, estando a mina proposta a tan só 2 km da fronteira portuguesa, o proxecto debía terse sometido obrigatoriamente a unha avaliación de impactos transfronteirizos.

Un proxecto nefasto

Tanto Ecoloxistas en Acción como o Movimento Uivo, que tamén ven denunciado este proxecto ante as autoridades lusas, advirten que a abertura da mina tería impactos severos sobre o río Rabaçal, ao que ten previsto verter augas con altas concentracións de metais pesados sen ningún tipo de tratamento. A mina está inmediatamente augas arriba da fronteira e do Parque Natural de Montesinho, espazo da Rede Natura 2000 integrado na Reserva da Biosfera Transfronteiriza da Meseta Ibérica que se vería directamente afectado. Tamén está a tan só 1 km da ZEC Pena Maseira, tamén en Rede Natura.

Por iso, alén das accións ante a xustiza galega, os colectivos pediron ás autoridades lusas e europeas que esixan a paralización das actividades da empresa sueca mentres non se realicen as preceptivas avaliacións de impacto ambiental e impactos transfronteirizos.

O proxecto aprobado pola Xunta en 2015 prevía explotar unhas 50.000 toneladas de material en 5 cortas a ceo aberto durante 10 anos empregando 11 traballadores. O mineral sería enviado á mina de San Finx, en Lousame, para a súa concentración alá. Non obstante, o proxecto non se chegou a executar e a Declaración de Impacto Ambiental caducou aos 4 anos.

A empresa nominalmente sueca, que iniciou nas últimas semanas grandes movementos de terra, xa ten antecedentes de malas prácticas en territorio galego. En 2020 tentou abrir unha mina a ceo aberto de níquel entre Santa Comba e Coristanco, sendo expedientada por realizar sondeos ilegais sen contar con ningún tipo de autorización. A pesar de que a concesión mineira na que actuaba foi declarada caducada, Eurobattery en ningún momento comunicou este feito aos seus accionistas.

Proxecto estratéxico europeo

Eurobattery pretende presentar o proxecto da Gudiña á convocatoria da Comisión Europea de proxectos estratéxicos europeos que pecha en xaneiro de 2026. Esta manobra podería significar prazos acelerados para conseguir autorizacións e pasar por riba da lexislación en materia de augas e espazos protexidos. No entanto, a empresa sueca xa pinchou este ano cando fracasou coa candidatura doutro proxecto mineiro en Finlandia.

Ecoloxitas en Acción e Uivo xa están a traballar con eurodeputados dos dous países para colocar estes antecedentes en coñecemento das autoridades portuguesas. “Non permitiremos que unha mina totalmente ilegal utilice a artimaña dos proxectos estratéxicos europeos para operar á marxe das obrigas que establece a lexislación europea e convenios internacionais”, remarca Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

Desde Portugal, Sara Riso do Movimento Uivo considera “incomprensíbel que as autoridades españolas nunca informaran ás portuguesas deste proxecto, a pesar de que afectará de xito obvio ás aldeas portuguesas situadas augas abaixo así como a varios espazos naturais de alto valor”. De feito, proxectos mineiros en trámite por parte de Portugal, como as minas do Barroso e do Romano, situadas a máis de 30 km da fronteira, sí foron sometidos ao trámite de impacto transfronteirizo logo de que as autoridades portuguesas notificaran as españolas.


minas /