Redacción •  Galicia •  26/04/2020

CCOO demándalle á Xunta de Galicia que convoque as axudas ao alugamento para as persoas con problemas para o seu pagamento na crise da Covid-19

O sindicato lémbralle ao Goberno galego que outras comunidades autónomas xa tomaron este tipo de medidas para paliar as consecuencias da crise do coronavirus. 

CCOO demándalle á Xunta de Galicia que convoque as axudas ao alugamento para as persoas con problemas para o seu pagamento na crise da Covid-19
CCOO demándalle á Xunta de Galicia que convoque as axudas ao alugamento para as persoas que, como consecuencia do COVID-19, teñan problemas transitorios para atender o seu pagamento. O sindicato lémbralle ao Goberno galego que outras comunidades autónomas tomaron xa este tipo de medidas.
CCOO demándalle á Xunta que convoque estas medidas
 
A orde TMA/336/2020, publicada pasado 12 de abril no BOE, desenvolve o novo «programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueres de vivenda habitual». Este programa ten por obxecto a concesión de axudas ao alugamento, mediante adxudicación directa, ás persoas arrendatarias de vivenda habitual que, como consecuencia do impacto económico e social do COVID-19, teñan problemas transitorios para atender o pagamento parcial ou total do alugamento.
 
Especificamente, o programa inclúe no seu obxecto a concesión de axudas para facer fronte á devolución das axudas transitorias de financiamento recollidas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19 e contraídas por arrendatarios de vivenda habitual, a cuxa devolución non puidesen facer fronte.
 
A orde TMA/336/2020 establece que serán as comunidades autónomas as responsables de desenvolver o programa de axudas para o alugamento de vivenda habitual mediante a súa convocatoria, así como determinar os supostos de «situación de vulnerabilidade económica e social sobrevida a consecuencia do COVID-19» e a súa acreditación.
 
As comunidades autónomas deben concretar os prazos e formas de presentación o máis axiña posible, como a propia norma di, pois o prazo para as solicitudes finaliza o 30 de setembro.
 
Ante a grave situación que, debido á pandemia, están a pasar moitos galegos e galegas con serios problemas de liquidez para afrontar os pagamentos necesarios para desenvolver a súa vida cotiá, desde CCOO instamos a Xunta de Galicia a que desenvolva de maneira urxente esta convocatoria.

CCOO /  coronavirus /  COVID-19 /  Xunta de Galicia /