Ernesto Ilkermn - Roberto Solano •  Galicia •  25/06/2017

Orgullo de Vigo

Como cada ano por estas datas o pasado 24 de xuño o colectivo LGTBI da cidade olívica tomamos as rúas nunha manifestación festiva pero tamén reivindicativa na que participaron arredor dun milleiro de persoas. A Asociación Nós Mesmas está organizando durante estes días unha serie de actos por un "orgullo digno, libre, reivindicativo e combativo".

Orgullo de Vigo
Con ese lema «Orgullo e reivindicación» na pancarta principal saiu a cabeceira da manifestación á que seguía unha gran bandeira do colectivo LGTBI e moitos outros colectivos e movementos políticos e cidadáns. 
 
Durante o percorrido polas rúas máis céntricas da cidade, non faltou a música, a ledicia, pero tamén os berros contra a Conferencia Espiscopal e o Partido Popular, ao carón de cuxa sede pasou a manifestación.
 
De volta á Pedra foron dúas mozas de Nós Mesmas as que leron o manifesto no que se esixiu á Xunta de Galiza que faga unha lei axeitada que evite as agresións que inda se producen no país, e non a trapallada legal que actualmente ten. Tamén houbo críticas para o goberno municipal, que este ano tardou en dar os permisos, mentres que se agradeceu aos diferentes locais e colectivos que botaron unha man para que o Orgullo vigués voltara a sair ca mesma forza de sempre ás rúas. Recordaron a situación internacional, con paises nos que se persigue a gais, lesbianas, transexuais, bisexuais e intersexuais. Malia que no estado español a situación é considerablemente mellor aínda faltan dereitos referidos á facilitar a realización da identidade sexual, que é máis que unha vaxina ou un pene, e cómpre unha protección legal maior que evite as agresións que se seguen a producir. 
 
Unha vez rematada a lectura do manifesto continou o evento xa festivo ca música dos Dj Noe e Gato Astroauta ate ben entrada a noitiña.
 
O Orgullo vigués continuará nos seguintes días con estes eventos na cidade:
 
-26 de xuño ás 20:30 nos Multicines Norte: proxectarase o filme «C.R.A.Z.Y»
 
-27 de xuño ás 18:30 no Marco: terá lugar unha mesa redonda sobre a «Interseccionalidade e sexualidades non normativas» na que estarán Laura Bugalho, ACADAR; Angel Amaro e Càndida Alvarez e Fabiàn Aradas de AGAVIH
 
-28 de xuño ás 20.00: A Festa da Poesía LGTBI e Dj Señora (Raquel Soto) na Praza da Colexiata.
 
O vindeiro un de xullo terá lugar en Madrid a manifestación do World Pride 2017 (Orgullo Mundial 2017), dende Atocha ata Colón.
 
 

derechos /  gay /  igualdad /  lesbiana /  LGTBI /