En Marea •  Redacción •  Galicia •  23/09/2016

Luís Villares: «O verdadeiro programa do PP ven con suplemento, o Código Penal“

A Alameda de Ourense acolleu na recta final da campaña o encontro de En Marea no que o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, fixo un relatorio con nomes e apelidos de membros destacados do Partido Popular imputados por corrupción en Galicia.

Luís Villares: «O verdadeiro programa do PP ven con suplemento, o Código Penal“

Referiuse as declaracións do candidato do PP e presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, a tres días das eleccións autonómicas nun programa de radio estatal que a súa amizade co narcotraficante Marcial Dorado foi un erro do que se arrepinte. “Grazas por arrepentirte estaría ben que agora pediras perdón pola vítimas do narcotráfico. Non sabía nada como tampouco sabe nada de Baltar. Como vai confiar o país nun candidato que está a mentir todo o dia“ afirmou. “Que deixe de mentir dicindo que descoñecía o que en Galicia sabía todo o mundo, de onde sacaba o señor Dorado os cartos para pagar os iates nos que paseaba con Feijóo e as viaxes que compartían o narco e o protexido de Romay Beccaría no PP“ reclamou o candidato á presidencia da Xunta de Galicia de En Marea. Villares esixiu a Feijóo que comece pedindo perdón por esta amizade e que continúe pedindo perdón  polo dano causado polo resto dos seus amigos e dos amigos de Rajoy e do Partido Popular. “Por Bárcenas, por Camps, por Conde Roa, por Barberá, por Baltar, por Rato, por un longo etcétera. Por todo o roubado, polo desprezo a xente, polas continuas mentiras“ exclamou Villares.

Ao PP preocúpanlles os tres millóns de votos perdidos pola corrupción, a En Marea o que lle preocupa é onde van os 2.200 millóns de euros que se perderon en Galicia pola corrupción máis que os recortes do PP estes anos. “Onde vai ese diñeiro queremos que volva para facer políticas socias“ afirmou.
 
Villares referíuse tamén as declaracións de Rajoy falando de Feijóo como o candidato da moderación, “ese señor que terá que declarar na Audiencia Nacional polo caso Gürtel“ ao que lle dicimos que Feijóo o que é e o candidato da corrupción e da imputación. O camiño da imputación leva á condena e á prisión, “onde vai acabar o PP e tamén o seu propio candidato“. “Apártate da fatalidade, vai caer Baltar, vas caer Rajoy e vas caer ti. Sepárate desa xente ou acabarás mal. Porque non vai pasar que venzas os malos“ recomendou Villares a Feijóo.
 
“Caso de Baltar fillo, Baltar pai, e Baltar espírito santo, caso Campeón, caso Conde Roa, Gürtel,  Caso orquestra, Patos, Pokemon“… foi enumerando Luís Villares ao tempo que incidía no estado procesal e a xente coreaba: imputado ou condenado. “O PP o partido dos condenados. Non podo seguir porque quedaría sen voz e non merecen a nosa voz“ sentenciou Villares e explicando que En Marea apela ao 100 por cen dos cidadáns que rexeitan a corrupción para pedir o voto.
 
“Aquí tedes o programa do PP con suplemento incluído, o Código Penal“ declarou Luís Villares mentres sostiña cunha man o programa do PP e coa outra o Código Penal.
 
E ante esta situación asegurou é necesario pasar de indignarse a comprometerse, e “o noso compromiso e o voso é En Marea, un compromiso colectivo por un pais xusto, porque un país xusto cree na igualdade sen discriminación nin cousificación, porque loita pola súa vivenda porque segue habendo 39 desafiuzamentos ao mes e ao candidato do PP non lles importa. E por iso a nosa primeira medida será un Decreto de Garantías sociais mínimas. E imos traer a liberdade as aulas e levanta a prohibición de ensinar matemáticas en galego. Porque un pais xusto non deixa morrer aos seus enfermos para cadrar as contas, recuperaremos a sanidade e o público privatizado. Privatizase para dar beneficio aos amigos“ comprometeuse Villares. “Trátannos como simples mercancías para os seus intereses e para os seus amigos“ denunciou.
 
O candidato rematou agasallou cun caravel vermello aos participantes no encontro, berrando eles abaixo e a dignidade arriba. “Polo pan, polo teito, polo traballo, pola dignidade, Hai dignidade!“ concluíu.
 
A deputada de Podemos no Congreso, Carolina Bescansa, agradeceu a presenza das case mil persoas que se achegaron á Alameda xa que “vir a escoitar a En Marea pode ter un prezo en Ourense“. “Hai 40 anos Xosé Manuel Beiras publicaba un libro, o atraso económico de Galicia que explica a malversación histórica que transformou o noso pais nun pais pobre e periférico. Fágolle unha proposta a Beiras que o luns teña en mente outro titulo para un novo libro que teña como título: O avance político de Galicia. Galicia está no centro do proceso transformador de Europa. Temos unha enorme responsabilidade“ declarou Bescansa.
 
 A deputada de Podemos fixo referencia a que en Galicia hai cinco anos comezou o cambio de paradigma e por iso En Marea está hoxe no centro do proceso transformador de todo Europa, con Xosé Manuel Beiras foi o pioneiro dándose conta de que non podíamos continuar polo mesmo paradigma. “Fixestes unha impugnación dun paradigma que confrontaba a posibilidade de cooperación dos pobos. Nova construción dun novo paradigma a partir do domingo. Confróntase a corrupción contra a democracia, ese é o novo paradigma. Cando hai corrupción non pode haber crecemento económico. En Marea vai garantir o fin da corrupción“ concluíu.
 
O membro da coordinadora de En Marea e portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, destacou o discurso do PP estes días reclamando o voto en Ourense porque “pensan que Ourense é terra conquistada“ e lembrou os votos de pobreza “que eles desde logo non coñecen“, voto de castidade “que vos vou dicir con Baltar en Ourense“ e “voto de silencio que é o que compra o PP“ declarou Beiras.
 
“Levamos 30 anos de guerra de bombardeos en Galicia contra unha política de exterminio na que o pobo tivo que se mobilizar para loitar polo seu país que tiña que se defendido polo poder. So temos a esperanza de que o domingo, En Marea a auténtica alternativa democrática“ afirmou Beiras. Na terra da xeración Nós, de Don Ramón Otero Pedraio, de Vicente Risco, Lopez Cuevillas, de Eduardo Blanco Amor, de Xesus Ferro couselo, de Manolo Peña Rey fundador partido comunista, dos Quesada, de Buciños, Buete, Luis Borrajo.. Como é posible que unha terra que deu tanto estea en mans deses sátrapas indocumentados e analfabetos“ preguntouse Beiras.
 
Rematou a súa intervención animando a acudir o vindeiro domingo a votar a En Marea “para que acabe esta vergoña, é unha batalla moral, e polos que apostamos de nobre na raza humana e eles que apostan polo máis ruín que hai nas persoas“.
 
A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, comezou parafraseando a Galeano ao afirmar que “so a esperanza gaña ao medo, e dicímoslle a eses homes escuros e esas mulleres escuras que mandaban ata agora que xa non temos medo, temos esperanza. Galicia terá un presidente do pobo e vai ser Luís Villares“.
 
“Presumía de ter unha política implacable no cumprimento do déficit, para que nos vale se temos fame, xente en risco de exclusión de pobreza. Vostede señor Feijóo é sadomasoquista e fixo da dor unha forma de goberno“ acusou Díaz. “El representa a Rita Barberá, é Soria, e de Guindos, non esquezamos que nos papeis de Bárcenas había unha parte substancial do financiamento ilegal que viña de Galicia“ lembrou a deputada de En Marea. “O día 25 temos oportundiade de rematar con esta situación e gobernar para o pobo, os traballadores, eses que son os nosos“ concluíu.
 
A cabeza de lista por Ourense, Angeles Cuña, puxo en valor a riqueza da provincia de Ourense en recursos, en xente, “e incluso en caciques“. “O PP abusa de nós porque ter as pensións máis baixas, ter peores servizos, é abandonarnos. Para que o abandono remate e Ourense sexa o que merece, deixar de ser as castigadas á último posto da fila temos que sacar primeiro ao PP“ salientou preguntándose que sería de Ourense sen medo. “A fame, a falla de traballo provoca medo. En Marea vai acabar co medo, porque nós non temos medo, temos ánimo, valor e sentido ético“ afirmou Ánxeles Cuña.
 
O número 2 por Ourense, David Rodríguez, salientou o compromiso de En Marea por acabar coas políticas contra a xente de Feijóo e apostar pola solidariedade interna dos traballadores, o compromiso co desenvolvemento local e rural, pola igualdade entre homes e mulleres. Alentar aos compañeiros bombeiros e dicirlles que outro tipo de modelo de xestión forestal e loita contra o lume será posible despois do 25 de setembro e deixe de ser un negocio par ao señor Feijóo.
 
“A prostitución dos nosos símbolos de identidade, a nosa merma poboacional, os ataques sistémicos ao noso rural, precisaría un día enteiro para enumerar as desfeitas de Feijóo. Catro anos máis non nos deixaría na UVI senón na morgue“ salientou. Para concluír afirmando que o vindeiro domingo a Feijóo lle demostraremos que “a nosa historia imos a facela nós. O domingo escribiremos notas necrolóxicas de Feijoo e do clan Baltar na nosa provincia“.
 
A candidata por Ourense, Eva Gutierrez, explicou que está en En Marea como nai, como muller, como traballadora para asegurar un futuro aos seus fillos e fillas, para acabar coas políticas excluíntes do PP, e para loitar para que acaben coa destrución dos dereitos laborais e o incremento da precariedade. “A nosa provincia vai decantar o goberno da Xunta de Galicia. Somos quen de facelo, somos a Marea que o vindeiro 25 chegará desde cada recuncho do país a San Caetano“ asegurou.
 
A concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, encargada de presentar o encontro, arrancou dicindo que se negaba “a que a organización mafiosa dos Baltares xestione a miña terra“. “É un clan mafioso. Onte a catro días da xornada electoral 128 prazas na deputación, están comprando votos. O PP é unha organización criminal, financiamento ilegal, os seus dirixente detidos por malversar por corrupción, os seus cargos da xunta acusados de homicidio imprudente. O PP é un perigo público“ sentenciou.


En Marea /  Ourense /