Redacción •  Actualidad •  Galicia • 16/09/2020

EU denuncia o abandono do monte galego e demanda á Xunta un plan de prevención e extinción dos lumes real con incremento de medios

Eva Solla : “o monte precisa recursos, ordenación e planificación para evitar o descontrol das especies pirófitas. Precísase que a Xunta fale coas comunidades de montes, cos representantes de gandeiros e agricultores, co persoal que xa traballa nos lumes no noso país. E por suposto, fan falla medios os 365 días do ano”.

EU denuncia o abandono do monte galego e demanda á Xunta un plan de prevención e extinción dos lumes real con incremento de medios
Incendio registrado ayer en Rubiá (Ourense). // BRIF Tabuyo

Nas últimas semanas os incendios que asolagan Galicia consumiron máis hectáreas que no resto do verán enteiro. Ano tras ano as vagas de lumes rematan coa biodiversidade dos montes galegos e poñen en perigo centos de vidas humanas.

O feito de que cada ano nos atopemos coa mesma problemática sen que teña mellorado a situación é a mostra evidente de que o actual “Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia” (PLADIGA) non funciona e non conta cos medios axeitados.

O 1 de agosto o persoal técnico de prevención de incendios da Xunta iniciaba unha folga indefinida en protesta pola falta de persoal e a precariedade coa se está a desenvolver o servizo, sen embargo, lonxe de escoitar estas demandas e dos colectivos en defensa do territorio, a Xunta limitouse a aplicar uns servizos mínimos do 100% sen escoitar as propostas de mellora que poderían contribuír a mellorar a prevención dos lumes.

“ A Xunta de Galicia leva anos dando ás costas ás necesidades do monte e do agro galego. O traballo no servizo de prevención e extinción debe estenderse aos 12 meses do ano” comenta Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida. “O monte precisa recursos, ordenación e planificación para evitar o descontrol das especies pirófitas. Precísase que a Xunta fale coas comunidades de montes, cos representantes de gandeiros e agricultores, co persoal que xa traballa nos lumes no noso país. E por suposto, fan falla medios os 365 días do ano.”

Esquerda Unida entende que a ordenación dos nosos montes, a práctica da silvicultura, a recuperación de especies autóctonas serían moi beneficiosas para Galicia, axudando a crear emprego, fixar poboación rural e manter a biodiversidade.

Por iso ante o abandono total que sufre o monte galego, Esquerda Unida demanda á Xunta que dote de máis persoal aos servizos de vixilancia, prevención e extinción dos lumes e que se reúna cos axentes sociais, asociacións en defensa do territorio, sindicatos e comunidades de montes para consensuar un verdadeiro PLADIGA que traballe para rematar con esta situación que arrasa Galicia anualmente.


Esquerda Unida /  monte galego /  Redacción /  Xunta de Galicia /