Redacción •  Galicia •  20/01/2026

PP e PSOE votan en contra de rexeitar no Parlamento o tratado da UE e Mercosur

Secundino Fernández censura o “cinismo e as medidas verdades” dos populares, que apoian co seu voto un acordo que vai ser “catastrófico”.

“Provocará o empobrecemento e a desaparición de pequenas e medianas explotacións e a entrada de produtos alimenticios sen garantías”, advirte.

PP e PSOE votan en contra de rexeitar no Parlamento o tratado da UE e Mercosur

O portavoz de Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, acusou o Partido Popular de “vender as produtoras e produtores agrarios, ás persoas consumidoras e a Galiza” co seu apoio de facto ao acordo de Mercosur, que de novo hoxe quedou en evidencia tras votar en contra os populares dunha unha iniciativa nacionalista para rexeitar o tratado.

“O único que vale é votar en contra do acordo UE-Mercosur, que vai ser desastroso para o rural galego”, advertiu Fernández, que censurou o “cinismo, as mentiras e as medias verdades” dun PP que pretende enganar o sector do rural “dicíndolle unha cousa e votando outra”. Lembrou, neste punto, que o PP xa votou a favor do tratado no Parlamento Europeo e se negou a rexeitalo no Parlamento galego nun debate celebrado en Pleno a iniciativa do BNG.  

“O propio presidente da Xunta, o señor Rueda, dixo que era unha oportunidade para Galiza e incluso ofreceu os portos galegos para a entrada dos produtos agrarios do Mercosur”, engadiu o deputado nacionalista, puntualizando que, malia o que diga agora o PP, o acordo comercial está negociado desde decembro do 2024 e xa non se pode modificar “nin por cláusulas de salvagarda” sen o consentimento de Mercosur, que se ten amosado en contra de calquera cambio.  

Secundino Fernández subliñou que o acordo ten como obxectivos principais a liberalización do comercio entre a UE e os países do Mercosur e a eliminación de aranceis, o que vai facer que os mercados europeos se enchan de produtos a prezos moi baixos, co risco que iso supón para a supervivencia dos produtores galegos.

Só Brasil, explicou, produce 120 veces máis carne de vacún que Galiza e o dobre da produción europea. “En carne de ve estamos nunha situación similar e no caso da apicultura só Arxentina produce máis que toda a UE e 30 veces máis que Galiza”, precisou.

O deputado do BNG considerou “incomprensible” o respaldo do PP a un acordo que, destacou, provocará o empobrecemento e a desaparición de pequenas e medianas explotacións do País —que non poderán competir con prezos tan baixos— e a entrada de produtos alimenticios sen garantías.

Referiuse, neste punto á falla de transparencia e certificación das condicións da produción nos países do Mercosur, onde os cultivos e cría de gando son realizados en condicións moi diferentes, permitíndose o uso de pesticidas, herbicidas e antibióticos que están prohibidos na UE.  

“Esta situación vai dar como resultado que entrarán no mercado europeo, e por suposto no galego, producións, xa sexa en fresco ou como produtos transformados, que non cumprirán estándares europeos”, denunciou, para emprazar os deputadas e deputadas do PP a deixar de ser “cómplices” do tratado dándolle as costas o sector agrario galego.

A iniciativa do BNG, contra a que votou o PP e o PSOE, perseguía a oposición do Parlamento galego ao acordo UE-Mercosur “polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego”, así como o apoio ás mobilizacións do sector para rexeitar o tratado de denunciar as súas consecuencias “nefastas”. Requiríase, así mesmo, o rexeitamento á posición do Goberno do Estado a respecto do acordo.


acuerdo UE-Mercosur /