Redacción •  Galicia •  03/12/2025

A caída do paro e da afiliación reflicten que Galiza segue a perder poboación activa

A CIG demanda control real sobre a contratación a tempo parcial e eliminar a figura do contrato fixo-descontinuo.

A caída do paro e da afiliación reflicten que Galiza segue a perder poboación activa

O mes de novembro deixa unha redución na afiliación media á Seguridade Social en Galiza do 0,2% (2.346 persoas en alta menos) e unha baixada do paro rexistrado do 1,6% (equivalente a 1.714 persoas) con respecto ao mes de outubro. Isto supón que o noso país segue a perder poboación activa, afectando especialmente esta caída na afiliación á provincia de Lugo, que rexistrou preto da metade da baixada (1.050 persoas), cando ademais foi o territorio no que menos medrou o desemprego.

A maioría do descenso da afiliación produciuse no réxime xeral e no RETA e a meirande parte rexistrouse entre a rama de hostalaría (-3,3%) e administración pública (-1,8%). Mentres, educación continuou na senda do mes pasado, rexistrando un incremento do 1.9% polas necesidades propias do curso escolar.

Afiliación á SS  Variación
 OutubroNovembroAbsoluta%
A coruña           481.331           480.751–              580-0,1%
Lugo           127.759           126.709–          1.050-0,8%
Ourense           108.714           108.687–                270,0%
Pontevedra           385.178           384.489–              689-0,2%
Total1.102.9821.100.636–          2.346-0,2%

En concordancia coas ramas de actividade onde se rexistrou o descenso da afiliación, os tipos de contrato máis afectados foron os fixos-descontinuos e os temporais a tempo completo.

 2025/102025/11Variación
   Absoluta%
TODAS AS MODALIDADES DE CONTRATOS852.387850.529-1.858-0,2%
INDEFINIDO-T. Completo492.066493.2021.1360,2%
INDEFINIDO-T. Parcial118.225119.1359100,8%
INDEFINIDO-Fixos Descontinuos36.85233.769-3.083-8,4%
TEMPORAL-T. Completo90.15288.850-1.302-1,4%
TEMPORAL-T. Parcial29.52529.7001750,6%
APREND., FORMACIÓN e PRÁCT.3.0602.917-143-4,7%
OUTROS82.50682.9554480,5%

Fonte: Seguridade Social

No referido ao paro rexistrado, o maior incremento produciuse entre ás mulleres, que suman o 92% das novas persoas en situación de desemprego, e o 77% da caída produciuse no sector servizos.

Persoas paradas  Variación
 OutubroNovembroAbsoluta%
A coruña44.97044.313-657-1,5%
Lugo11.24511.208-37-0,3%
Ourense13.77513.611-164-1,2%
Pontevedra43.39642.440-956-2,2%
Total113.386111.572-1814-1,6%

Fonte: SEPE

Inestabilidade laboral e precariedade

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, valora que estes datos reflicten como a estacionalidade e as diversas necesidades do mercado de traballo e do sistema produtivo de Galiza, cun peso cada vez maior do sector servizos, “provocan que as oscilacións de persoas traballadoras e de emprego aumenten mes a mes afondando na inestabilidade e na inseguridade laboral”.

Estas variacións son facilmente detectábeis na hostalaría, cuxa caída leva aparellada unha baixada tamén nos contratos fixos-descontinuos durante o pasado mes do 8,4% (- 3.083) e do 1,4% nos contratos temporais a tempo completo (-1.302); “modalidades das que se abusa nesta actividade e que agravan a pobreza laboral”.

González Sío advertiu que a contratación temporal xa está en niveis similares previos á reforma de 2021 -que se marcou como un dos obxectivos reducir a inestabilidade no traballo- e que as actividades nas que se xera emprego (ligadas á hostalería, comercio e as ramas sociosanitarias) “precisan de man de obra pero aplican unhas condicións moi precarias tanto en cuestións de contratación como en materia salarial”.  

Fronte á esta realidade, a CIG segue a reivindicar a derrogación das reformas laborais de 2012 e de 2021 “e que se potencie de forma clara a contratación indefinida e a tempo completo”. González Sío demandou un maior control por parte da Inspección de Traballo e das propias administracións sobre os contratos a tempo parcial “para que non haxa un abuso” e insistiu na necesidade de acabar coa figura da contratación fixa-descontinua, que cualificou como “unha bolsa de precariedade e pobreza laboral”.  

Considerou urxente reactivar a negociación colectiva como ferramenta fundamental da clase traballadora para avanzar en dereitos e devolverlle ás traballadoras e traballadores a forza e a presencialidade á hora de negociar os convenios “que as reformas de 2012 dinamitaron e que a reforma de 2021 non restituíu en absoluto”.

E neste sentido, instou a reforzar a capacidade de mobilización da clase obreira para poder ter unhas condicións laborais dignas e mudar a actual situación de extensión dos baixos salarios, da explotación e da pobreza.


paro /