Alertan sobre a presenza continuada de verteduras de augas residuais no río Oitavén
- Ecoloxistas en Acción alerta sobre a presenza continuada de verteduras de augas residuais no río Oitavén e os seus graves impactos ambientais e sobre a saúde pública.

Segundo testemuños veciñais e observacións directas realizadas na contorna da presa do Oitavén (Encoro de Eiras). Ecoloxistas en Acción informa da detección de verteduras continuadas de augas residuais no río Oitavén, situación que supón unha grave ameaza para a calidade ambiental do río e para a saúde das persoas que viven na súa contorna. Estas verteduras provocan a contaminación das augas, afectando á biodiversidade acuática, alterando os ecosistemas e xerando riscos sanitarios significativos, incluíndo a presenza de patóxenos e substancias químicas nocivas.
A organización denuncia que estes vertidos afectan ao río Oitavén, un curso fluvial estratéxico xa que abastece o Encoro de Eiras, a principal fonte de auga potable da área metropolitana de Vigo e da súa comarca.
Ecoloxistas en Acción, preocupada polos impactos que o cambio climático terá sobre o medio ambiente e a saúde pública, chama a atención das autoridades competentes e da cidadanía sobre que estes vertidos, habituais na Comunidade Autónoma Galega, supoñen un perigo para os ecosistemas e para a saúde das persoas.
A organización ecoloxista reclama unha actuación inmediata das autoridades competentes para identificar as causas destas verteduras, adoptar medidas correctoras e garantir o cumprimento das normativas ambientais e de saneamento vixentes, co obxectivo de protexer tanto os ecosistemas fluviais como a saúde pública. O vertido denunciado vulnera o principio de non deterioro recollido na Directiva Marco da Auga (2000/60/CE) e incumpre as obrigas establecidas na Lei 9/2010 de Augas de Galicia, que obriga aos titulares das autorizacións a garantir o tratamento adecuado das augas residuais antes da súa vertedura.
