BNG pide á Xunta que deixe de desprezar a veciñanza de Valdeorras e actúe xa para garantir a potabilidade da auga
- Secundino Fernández critica que o Goberno de Rueda se limite a “botar balóns fóra” e cualifica de “neglixencia de libro” a xestión dos incendios.

O portavoz do Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, reclámalle á Xunta de Rueda medidas urxentes que garantan a potabilidade da auga de consumo nos concellos de Valdeorras, afectados polos arrastres de cinza tralos incendios deste verán.
Para o deputado nacionalista, unha das consecuencias máis graves e prexudiciais do lume en Valdeorras é a contaminación das augas provocada polos arrastres desde as zonas queimadas, que están chegando aos cursos fluviais e aos acuíferos utilizados para o abastecemento humano. Esta situación está a obrigar a concellos como A Rúa a repartir auga embotellada entre a poboación ante a imposibilidade de consumir a da traída.
“En lugar de tomar medidas, a Xunta dedicouse a botar balóns fóra, tentando trasladar a súa responsabilidade a outras administracións”, criticou Fernández, quen cualificou a actitude do Executivo galego de “neglixencia de libro” e de “desprezo absoluto cara ás veciñas e veciños de Valdeorras”. “Como pode o goberno de Rueda deixar a poboación nesta situación sen adoptar ningunha medida efectiva”, preguntouse.
É por iso que o BNG vén de rexistrar pola vía de urxencia unha iniciativa para reclamarlle ao Goberno galego as actuacións e medidas necesarias para garantir a calidade e potabilidade das augas de consumo nos concellos afectados, traballando en colaboración cos alcaldes e alcaldesas.
Na iniciativa, o BNG recorda que os graves incendios do mes de agosto que levaron a esta catástrofe orixináronse nus poucos focos que o Goberno do PP non foi quen de apagar nos momentos iniciais, e que se converteron nunha catástrofe pola neglixencia da Xunta.
En Seadur, no Concello de Larouco, produciuse un foco de lume que derivou nun incendio de grandes dimensións afectando gravemente ao ecosistema local e á seguridade das persoas. Foron, lembra, cerca de 40.000 hectáreas arrasadas polas lapas en terras de Larouco, O Bolo, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Carballeda, O Barco, Rubiá, A Veiga, Quiroga e terras limítrofes da Castela León.
Ás consecuencias económicas directas dos lumes únense agora os danos causados indirectamente polas choivas nas zonas arrasadas nos montes desta comarca, nos que a orografía do territorio favoreceu a erosión e a perda de solo. Uns arrastres que chegan tamén aos cursos de auga provocando unha contaminación que afecta a auga de consumo humano, tal e como foi manifestado polos alcaldes da zona afectada nestes días.
