Redacción •  Galicia •  06/08/2025

BNG rexeita o teito de gasto porque é “a mesma propaganda de sempre” e non atende as necesidades da maioría social

Noa Presas acusa o PP de renunciar a defender os intereses de Galiza polo seu servilismo ao centralismo e ás directrices que lle marca o PP de Madrid.

Anticipa uns orzamentos para 2026 repetitivos, marcados pola “mala xestión” do PP e unha política fiscal que favorece os máis privilexiados.

BNG rexeita o teito de gasto porque é “a mesma propaganda de sempre” e non atende as necesidades da maioría social

O BNG votou en contra do proxecto de teito de gasto do Goberno de Rueda por dúas razóns primordiais. A primeira, porque suporá novos recortes en servizos públicos como a sanidade, a educación ou a dependencia. A segunda, porque é unha “manobra de distracción” para non abordar o verdadeiramente importante nestes momentos no que ten que ver co financiamento: negociar co Estado un sistema xusto que lle dea a Galiza a chave dos seus cartos para mellorar a vida dos galegos e as galegas.

Así o explicou no Pleno a deputada e portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, que comezou a súa intervención no Pleno subliñando que o teito de gasto debatido “non ten nada de ambicioso, nin é histórico nin expansivo”. “En realidade é un recorte” porque aumenta 223 millóns de euros, un 1,6 % “que non da nin sequera para compensar a inflación de 2024, que chegou ao 2,7 %”, expuxo.

“Isto significa que a Xunta vai ter menos, porque hoxe prestar os mesmos servizos custa máis e porque subiu o custo da vida. Isto nótao calquera na súa casa e nótao a administración pública, que vai recortar”, asegurou Presas. O teito de gasto do PP, engadiu, non é máis que “a mesma propaganda de sempre”, anticipando uns orzamentos repetitivos que non servirán para atender “a crise de servizos públicos en xaque” nin para “rescatar as maiorías sociais ou a economía nun contexto de incerteza e ralentización económica”.

Un contexto que, alertou, é cada vez é “máis bélico e máis preocupante” e que “avergonzará a xeracións futuras” pola inacción ante o xenocidio de Israel contra Palestina e pola escalada bélica internacional, na que a UE, o Goberno do Estado e a propia Xunta “entre guerra e paz e entre armas e gasto social están escollendo máis armas e máis guerra”.

Presas afeou ao Executivo de Rueda que utilice o teito de gasto como “manobra de distracción”, para tapar o verdadeiramente importante no escenario actual de “negociación sen precedentes” sobre o financiamento a nivel de Estado. “Vaise negociar por primeira vez en 14 anos e a Xunta en mans do PP “máis submiso da historia” renuncia a defender os intereses de Galiza por un servilismo ao centralismo e ás directrices de Génova”, advertiu.

A deputada nacionalista referiuse ao teito de gasto como un “instrumento perverso” porque o Estado “sen ter as competencias máis custosas e importantes para a xente, acapara máis capacidade de gasto que Galiza”.

Neste punto, lembrou que precisamente o “pai” do teito de gasto no Estado español foi Cristóbal Montoro,  o ex ministro de Facenda do PP investigado por artellar unha trama para favorecer o oligopolio eléctrico, salientou, para alertar que no actual marco “centralista, atravesado pola corrupción estrutural e contrario aos intereses do País” o relevante é o que hai detrás do teito de gasto: a necesidade dun novo sistema de financiamento que dea a Galiza a chave dos seus cartos.

Afondando nesta cuestión, recalcou que segundo o Consello de Contas Galiza perde co actual sistema de financiamento 1.535 millóns de euros cada ano, máis do que vai gastar en todo 2025 a Consellería de Política Social e Igualdade.

É por iso que a responsable nacionalista de Facenda emprazou máis unha vez a Rueda a soltar amarras con Génova negociando co Estado a quita da débeda que conseguiu o BNG e que “pode aliviar a hipoteca de máis de 12.000 millóns de euros que nos deixou o PP”, e a negociando así mesmo un cambio de modelo acorde co noso status de nación, “que nos permita asumir un autogoberno real a comezar por recadar nós os nosos impostos”.

Orzamentos irreais e “transfigurados” con recortes na sanidade e no SAF

Presas denunciou ademais o PP a “mala xestión do PP”, cunha política fiscal que favorece aos máis privilexiados e que lle fai perder a Galiza máis de 500 millóns de euros, e cuns orzamentos “irreais” que se “transfiguran” con modificacións  como as feitas nos últimos seis meses: máis de 20 millóns de euros derivados da sanidade pública á privada ou recortazos de máis de 17 M€ ao Servizo de Axuda no Fogar.

En relación ao SAF, Presas aproveitou o debate en Pleno para recordar a Teresa de Jesús, a traballadora deste servicio asasinada no Porriño, “vítima do machismo e da indefensión laboral”. Un asasinato que, subliñou, ten que ser un “punto de inflexión” . “A Xunta ten que reaccionar e poñer en marcha as medidas necesarias para protexer un colectivo de miles de mulleres que traballan nos fogares, tal e como levan anos reivindicando”, manifestou.   

Presas reclamou así mesmo o Executivo de Rueda que reaccione ante a gravidade das afirmacións de altos cargos políticos que responsabilizan e culpan ás mulleres vítimas de violencia machista e desprezan a importancias das políticas de prevención. “Xa tiñan que estar cesados o director xeral de Violencia e a súa superior, a conselleira de Igualdade”, sostivo.


BNG /