Redacción •  Galicia •  15/07/2025

Traballadoras de residencias privadas e SAF mobilízanse nos edificios da Xunta por condicións laborais e salariais dignas

Reclaman a implicación de Política Social para desbloquear a negociación colectiva, que se recoñezan os traballos de coidados e unha atención de calidade

Traballadoras de residencias privadas e SAF mobilízanse nos edificios da Xunta por condicións laborais e salariais dignas

Traballadoras de residencias privadas de maiores e dos Servizos de Axuda no Fogar concentráronse este luns de maneira  simultáneas nas catro provincias en demanda de convenios colectivos dignos, máis ratios de persoal e unha mellora da calidade asistencial que se presta. As protestas desenvolvéronse diante das xefaturas territoriais de Política Social da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo e, tamén se aproveitou para facer entrega de escritos solicitando unha reunión urxente coa conselleira para abordar a situación do sector.

Estas mobilizacións dan continuidade á campaña que a CIG está a desenvolver dende hai meses pola dignificación e o recoñecemento dos traballos de coidados e para reclamar a intervención da Consellaría de Política Social, como administración responsábel do sector en Galiza, de estabelecer as ratios e de realizar o labor inspector; mais tamén como responsábel da política de privatización dos coidados que está na base desta precariedade laboral e no deterioro da atención que se presta ás persoas usuarias.

O sector dos coidados, maioritariamente composto por mulleres, é a columna vertebral do apoio á poboación envellecida de Galiza, pero segue sendo cronicamente infravalorado e as condicións laborais son de auténtica miseria. “Política Social é responsábel da grave situación laboral que hai tanto nas residencias de maiores como no SAF”, aseverou o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, durante a protesta na Coruña.

Negociación bloqueada

Hai que lembrar que a negociación do convenio das residencias privadas e centros de día está bloqueada pola patronal dende o pasado mes de outubro, despois de que as asembleas de traballadoras rexeitaran de xeito contundente a proposta do empresariado, porque supuña seguir coas táboas salariais por debaixo do SMI, non contemplaba ningunha mellora na cobertura da baixas, non avanzaba na redución da xornada nin nas compensacións polo traballo en festivos, nin tampouco introducía melloras de carácter social.

Pola súa parte, as traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar levan co seu convenio colectivo sen negociar dende o ano 2010. As negociacións para un novo convenio víronse frustradas polo preacordo asinado en 2022 por UGT e CCOO que introducía unha dobre escala salarial, desatando a indignación das traballadoras. Isto desencadeou unha folga histórica de 28 días en novembro de 2022, convocada pola CIG, que obrigou a reverter o preacordo. Dende entón, nada se conseguiu avanzar na actualización do marco regulador.

Por iso, apuntou Naya, “reclamamos da Consellaría que  tome as medidas necesarias para mellorar as condicións destas traballadoras e que poña os coidados no centro da política social. Cuestión que aínda que pareza obvia, non se está a cumprir. A política da Xunta de Galiza segue a ser a privatización e a precarización do sector”.

Concentración na FEGAMP o próximo venres

O próximo venres, 18 de xullo, a CIG-Servizos ten convocada outra mobilización, nesta ocasión ás 11:30 horas diante da sede da FEGAMP en Santiago de Compostela para reclamar a implicación dos concellos na negociación do convenio de Axuda no Fogar, xa que son as administracións locais as que prestan este servizo e as responsábeis de privatizar a súa xestión.


residencias /