Praza Pública •  Galicia •  25/02/2019

O falecido contrabandista Terito segue figurando como un dos propietarios da sede do PP en Cambados

Vicente Otero Pérez, Terito, histórico contrabandista falecido en 1995, segue figurando no Rexistro da Propiedade como dono do 20% da sede do PP en Cambados. Así o vén de denunciar, divulgando un certificado do rexistro, Somos Cambados, formación política que se pregunta por que o PP “ten a súa sede local nun inmoble propiedade dun dos patriarcas do contrabando da serie Fariña”, que nos últimos meses volveu traer á actualidade a figura dese histórico contrabandista cuxa relación cos populares era amplamente coñecida.

O falecido contrabandista Terito segue figurando como un dos propietarios da sede do PP en Cambados

O PP local vén denunciando que o marido da alcaldesa de Cambados, a socialista Fátima Abal, foi administrador dunha empresa inmobiliaria propiedade dun cuñado que, como contou El País, foi investigado como presunto lancheiro de contrabandistas e narcotraficantes nos anos noventa. Segundo ese diario, o marido de Abal desvinculouse desa sociedade cando ela foi nomeada portavoz local do PSOE, pero a empresa seguiu tendo o domicilio social na vivenda do matrimonio ata dez meses despois de que chegase, co apoio entre outros de Somos Cambados, á alcaldía dunha vila controlada historicamente polo PP.

Antes as críticas reiteradas do PP, agora Somos Cambados revela que Terito segue figurando como propietario da sede local dos populares. A formación pregúntase se “no seu día, a concesión da medalla de ouro de Alianza Popular a Vicente Otero Pérez (alias Terito) tivo que ver coa decisión de ter alí a sede local” e censura a hipocrisía dos populares ao acusar agora á socialista. “Se teñen pensado seguir con estas políticas e acusacións, por coherencia, igual víñalles ben valorar un cambio de sede”, remata Somos Cambados.

Fuente: https://praza.gal/politica/o-falecido-contrabandista-terito-segue-figurando-como-un-dos-propietarios-da-sede-do-pp-en-cambados