Redacción •  Galicia •  14/12/2023

Ana Miranda pregunta ao Consello que pasos ten previstos para o urxente recoñecemento do Estado Palestino

A eurodeputada do BNG instou na Eurocámara a un alto ao fogo inmediato en Gaza para frear o xenocidio.

Ana Miranda pregunta ao Consello que pasos ten previstos para o urxente recoñecemento do Estado Palestino

14/DEC./23.

Nunha cuestión parlamentar dirixida ao Consello, a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, pregunta se o Consello Europeo, na súas reunións de Asuntos Xerais -que se celebran hoxe e mañá en Bruxelas- ten previsto incluír na orde do día o recoñecemento do Estado de Palestina.

“Diante do terrible xenocidio que está acontecendo en Gaza é necesaria unha nova posición por parte da Unión Europea para avanzar no proceso de paz mediante o recoñecemento do Estado palestino”, subliña Ana Miranda, quen lembra que até o momento só 10 dos 27 Estados membros recoñeceron a Palestina como Estado.

Neste sentido, a eurodeputada nacionalista sinalou que posto que o Goberno español, que ostenta actualmente a Presidencia rotatoria do Consello mostrouse favorable a recoñecer o Estado de Palestina de forma conxunta en la Unión Europea, é fundamental que o Consello avance neste sentido.

Terrorismo de Estado

De forma paralela, na súa intervención no plenario da Eurocámara, Ana Miranda instou a un alto ao fogo inmediato en Gaza, tendo en conta que xa son máis de 18.500 as vítimas na franxa e que Israel está levando a cabo actuacións contra o dereito internacional, como son Impedir o aceso á auga, electricidade e alimentos e a destrución de hospitais. “A realidade é que o xenocidio de Israel en Gaza é terrorismo de Estado. Europa debe anular, os acordos con Israel e aplicar o embargo de armas”, denunciou.

“O dereito internacional morreu na Faixa de Gaza”, lamentou a eurodeputada do BNG, quen sinalou que a crise de humanidade que se está producindo é insustentable. Na súa intervención, Miranda fíxose eco das palabras do poeta gazatí Refaat Alareer, asasinado por Israel o 7 de decembro “se eu tiver que morrer, quero que vivas para contar a miña historia (…) se eu tiver que morrer, que dea esperanza, que sexa unha historia”.

“É terrible a dobre vara de medir deste Parlamento Europeo que non dedicou nin un minuto de silencio ás vítimas da Palestina e ás vítimas internacionais en Gaza. Canta hipocrisía”, concluíu.


Palestina /